Opinión

O Celta comeza o curso enchufado

Onte en Balaídos entrábamos todos ao estadio co latexo propio dos días de estrea

Onte en Balaídos entrabamos todos ao estadio co latexo propio dos días de estrea. Como cando comezaba a escola e estreabamos zapatos, ou mochila, ou mesmo un lapis. Ese lapis supersónico que máis que un lapis parecía unha arma secreta con tantas funcións como tiña. E con esa cara que reflectía ben a mezcla de timidez, ilusión, medo e curiosidade propia dos inicios de curso. E con preguntas. Moitas preguntas. Terei asento novo? Haberá compañeir@s novos? Seguirán sendo as matemáticas igual de aburridas? Voltará o pesado do puro a martirizarme domingo tras domingo? Seguirá o meu veciño de bancada odiando a Borja Oubiña? Preguntas que, como no colexio, moitas veces tiñan a realidade como resposta. Si, as matemáticas seguían sendo igual de aburridas e si, o pesado do puro segue a atufar a todo o que se lle pon por diante.

Nolito, Orellana, Larrivey

Sentaste no teu asento. Saúdas a os vellos compañeiros. Rompes o xeo contando como foi o verán, falando das novas incorporacións, dos vellos coñecidos, dos listos da clase que acabaron o curso pasado dun xeito brillante... E aparece Nolito en escea. “Vese que este vai empezar o curso como o acabou o ano pasado”. E Orellana non queda atrás. “Que golazo, mira que se chega a marchar...”. Até o novo, de nome Joaquín Larrivey, levantou a voz para facer ver que el non cambiou de escola para pasar desapercibido, que el tamén quere ser parte do grupo dos espabilados.

Voltará o pesado do puro a martirizarme domingo tras domingo? Seguirá o meu veciño de bancada odiando a Borja Oubiña? 

Pero, como no cole, esa pequena sensación de incertidumbre que teñen todas as estreas, persistiu até ben entrado o segundo tempo. Despois, foi desaparecendo pouco a pouco ao certificar que o noso grupo natural de pertenza segue a ser o de sempre. Esa tranquilidade que nos dá a estabilidade necesaria para voltar crer posible calquera fazaña que nos propoñamos e que tantos pensamentos lle temos dado durante os días preguiceiros de verán.

90 minutos despois, esa incertudumbre deu paso á relaxación. Relaxación de saber que, a pesar do verán, da xente nova que se uniu ao grupo e dos novos profes, o grupo segue intacto. A ilusión segue intacta. As gañas parecen máis. E o celeste semella agora máis celeste. E o verde do céspede máis verde. E incluso o do puro xa parece que non molesta tanto. O equipo respondeu ás expectativas dun xeito tan doado que até parece que é posible que se poida acabar o curso con sobresainte. Como mínimo.

Comentarios