Opinión

Ver, oír e berrar

Neste momento no mundo calcúlase que están activos máis de trinta e dous conflitos armados. Se miramos as noticias, semella, porén que só hai dous. E cómpre non esquecer que é deste lado da noticia onde están as empresas que fan cartos dos devanditos conflitos e as poboacións que vivimos con comodidade grazas a eles.

Resulta doado entrar nunha visión de funil cando os medios non seguen unha serie de liñas éticas: para empezar, permitindo que sexan as persoas dos propios lugares as que informen (en todos os países do mundo hai xornalistas). Para seguir, informar de xeito máis complexo e contextualizado. Para rematar, evitar a pornografía do sufrimento alleo.

Se queremos exercer a cidadanía de xeito responsable, entón temos obriga de nos informar doutro xeito: seguir medios dos propios países afectados, se os nosos coñecementos lingüísticos nolo permiten, escoitar as voces da diáspora de tales países que están nas nosas sociedades europeas; ler as súas escritoras, estudar os libros de historia, coñecer a complexidade das situacións alén do "noticiable".

Porén, en calquera conflito armado, o interese da prensa occidental e a presenza de correspondentes e xornalistas locais que informen a medios de fóra é un garante para que a presión sobre os gobernantes responsables da violencia non cese. Non ser visible, non poder autorrepresentarse, é a primeira parte dunha situación na que ningún ser humano debería atoparse endexamais.

Estes días non podo evitar lembrar o xenocidio ao que o pobo támil foi sometido en Sri Lanka alá polo ano 2009: o primeiro paso foi botar a prensa e as ONGs. Cos ollos pechados ao mundo, a matanza foi sen precedentes. Aquí, ninguén escoitaba: son cousas de lonxe. Porén, as comunidades da diáspora támil, o pobo támil da India fartáronse de clamar, de repetir os nomes. Lembro con total claridade as paredes da miña cidade de adopción, Tiruchy, empapeladas coas fotos mal tiradas do liderado da resistencia támil asasinado en Sri Lanka.

Por iso, a presenza dos ollos alleos, é dicir, dos nosos ollos, é fundamental en calquera conflito. Mais aínda máis fundamentais son os nosos oídos. E as nosas voces: é urxente un cesamento do fogo en Gaza, e non só. Vivimos nun estado xeral de criminalidade, nunha colonización e pillaxe da que non queremos facernos responsables, nin sequera en situacións extremas, nesta guerra contra a infancia e a poboación civil que debe CESAR.

Comentarios