martes 21.01.2020

Un para todos e algunhas para as ningunhas

Hai máis ou menos cousa dun ano, as chamémoslles “forzas vivas” do mundo da lingua, da cultura e da chamada “esquerda” remexíanse con cambras ante o anuncio do Día das Letras Galegas para Filgueira Valverde. As reaccións foron amplas e inmediatas, o rexeitamento case unánime. Aquilo non se podía tolerar. 

Hai máis ou menos cousa dun ano, as chamémoslles “forzas vivas” do mundo da lingua, da cultura e da chamada “esquerda” remexíanse con cambras ante o anuncio do Día das Letras Galegas para Filgueira Valverde. As reaccións foron amplas e inmediatas, o rexeitamento case unánime. Aquilo non se podía tolerar. 

"A ausencia das mulleres nas Letras Galegas, urxíusenos a participar nas protestas e, ao ver que non cediamos ao argumentario, simplemente se nos ignorou, como adoito".

Naquela altura, ás que sinalamos un problema moito máis fondo de xustiza básica, a ausencia das mulleres nas Letras Galegas, urxíusenos a participar nas protestas e, ao ver que non cediamos ao argumentario, simplemente se nos ignorou, como adoito. Este ano, como era de agardar, ante o nomeamento de Manuel María, xa somos un para todos e as demais que sigamos agardando, parece ser.

A cuestión é que algunhas non agardamos e insistimos en seguir sinalando a importancia de dedicar o Día das Letras a autoras; así, A Sega volve convocar o II Día das Galegas nas Letras, este ano dedicado a María Victoria Moreno. Certos feitos recentes reafírmanme aínda máis nos argumentos xa manexados: que as creadoras temos igual valía pero que esta se nos cuestiona seguido (abonda con ver certas entrevistas e afirmacións recentes de varios iluminados), que as letras poden popularizar autoras que malia traballos complexos e inxentes están xa invisibilizadas (realmente precisa Manuel María unha recuperación da súa obra? Ten casa museo, lese nas escolas, úsase en slogans, ten cancións e xiras na súa honra. Xela Arias? Luísa Villalta? María Victoria Moreno? Téñennos a nosoutras).

Cando estas reclamacións non concitan o apoio maioritario da sociedade, o rexeitamento absoluto e de plano, sen peros, ao proposto, en realidade están dando a ver dunha forma pública situacións ás que as mulleres nos enfrontamos cada día no cotián. Situacións nas que as nosas experiencias de silenciamento e violencia quedan resumidas a un “esas histéricas”, á impunidade e ao permanente “cousas de chicas” que non deben alterar o normal funcionamento dos espazos. A situación agrávase cando se busca apoio nos supostos grupos “de esquerdas” ou de activismo (patriarcais). Estes, por moito que os seus integrantes adopten poses como falar de si mesmos en feminino, seguen enmarcados maioritariamente en todo a parafernalia patriarcal sen movela un marco. Os xestos son grandes e pequenos, dende manter un mundo de referencias só masculino (porque ser feministo está moi ben, pero logo hai que falar de Marx, de Gramsci, ata de Lenin, pero non se nos ocorre nin o nome dunha teórica para sacar argumentario) ata, o máis frecuente, os comportamentos desiguais e violentos nos espazos públicos e privados. Dende o paternalismo ata a ocupación sistemática dos espazos (véxase Todo pirolos, onde adoitan aparecer imaxes de grupos de todo tipo unidos por unha única condición: seren todos homes), as violencias nacen no privado e volven a el sen remisión.

Porque cando remata a asemblea, cando rematan os discursos, como lle pasou ao alcalde da Coruña co galego, o superficial amosa as súas fisuras. Moitos homes que “van de” regresan a ser os galos do poleiro e non teñen reparo en faltarlle ao respecto a unha compañeira, en obrigala a soportar a súa presenza e o seu acoso sexual. 

"Moitos homes que “van de” regresan a ser os galos do poleiro e non teñen reparo en faltarlle ao respecto a unha compañeira, en obrigala a soportar a súa presenza e o seu acoso sexual". 

A diferenza de personaxes como o alcalde de Granada e antes o de Valladolid, estes “retroprogres”, como ben os definiu a teórica Ana Bringas, teñen aínda moitas máis dificultades en asumir e polo tanto atallar o seu sexismo ca os nosos amigos da RAG (que xa é dicir). Crense lexitimados por “ter amigas feministas”, por repetir cal papagaios certos discursos sen ir ao fondo das cuestións, aquelas que precisamente indican que cando unha subalterna fala e sinala un comportamento de agresión ou exclusión, a identidade hexemónica debe primeiro calar e logo pensar, transformarse e con iso, no caso dos homes, xa ter unha parte importante do traballo comezada. E se algún queda aínda despistado, sempre pode analizar este decálogo tan simple publicado recentemente polas compañeiras de Pikara http://www.pikaramagazine.com/2015/07/decalogo-de-actitudes-machistas-ante-una-denuncia-de-maltrato/.

Hai uns días fixéronme partícipe dunha situación de gravidade que non o é só polos feitos acontecidos: o acoso a unha moza por parte dun suposto activista compostelán, senón sobre todo pola reacción desta persoa e do seu entorno. Como ben indica o decálogo das compañeiras, as reaccións, de homes e mulleres, tenden a ser sempre entre aspas, dubitativas, á defensiva e finalmente agresivas e culpabilizantes para a muller ou mulleres que erguen a voz. Non é isto de estrañar porque socialmente, e de aí a importancia da presenza das mulleres nos espazos de creación, a palabra de calquera muller sempre se constrúe como mentira, como invento, como imaxinación intereseira (tamén, obviamente, porque son eles os que teñen o poder, e seica quen ten cu ten medo). Semella que o que nosoutras contamos sempre é suxeito de dúbida e escarnio, mais a eles ninguén nunca lles pon en dúbida as súas honras, ninguén se atreve a sinalalos. As súas credencias de activistas fican intactas no medio de comportamentos que clamarían a reflexionar a un auténtico petouto. Mais os retroprogres non reflexionan, xa o saben todo. Velaquí o problema.

"Semella que o que nosoutras contamos sempre é suxeito de dúbida e escarnio, mais a eles ninguén nunca lles pon en dúbida as súas honras, ninguén se atreve a sinalalos".

Na fin do relato, a mesma conclusión que co asunto das Letras: o silencio das forzas… vivas? A frustración das compañeiras é comprensible, buscan apoio en espazos onde deberían facer barricada con elas sen fisuras e atopan… silencio. Que sorpresa! Unhas por isto e outros polo outro. Silencio. Porque hai causas, como aquilo de Filgueira, que supostamente merecen o apoio de todos (elas incluídas) e outras nas que nos resulta máis doado saír pola volta de fóra. Nesas só ficamos algunhas. E mentres a ecuación siga sendo así, mentres se siga quitando relevancia ás violencias do día a día e autoridade ás voces das mulleres, mentres se siga illando e ridiculizando ás que alzan a voz, na escrita e fóra dela, a roda da violencia seguirá xirando e os culpables seguirán saíndo ilesos do seu xiro, só nosoutras coas mans espidas tentando deter o seu rodar incesante do un para todos, todos para un cun nosoutras para todas.

Un para todos e algunhas para as ningunhas
comentarios