Opinión

Seres vivos

Hai días nos que é complicado ter esperanza na humanidade. Días nos que unha pensa que a extinción é un proceso pouco eficiente, se empezase con nós, listo! Cada verán, o ciclo do lume faime perder a fe na humanidade. Sexa o misto ou o lóstrego, todo é produto das nosas accións contra os únicos seres que teñen a chave da vida: as árbores.

Hai moito tempo que as árbores me obsesionan. Seguramente dende a miña infancia, pois tiven a sorte de medrar rodeada delas, cos meus avós paternos, entre soutos, acivros, pomares, guindeiras, pradairos, bidueiros... Os fentos, as amoras, a uz, o toxo formaban parte dunha normalidade que cada día é máis excepción. E se cadra da normalidade de que a fraga "estea aí" é dende a cal perdemos o entendemento de que as árbores son seres vivos. Por certo, moito máis importantes ca os humanos e animais, pois o resto morremos e non pasa nada. As árbores, cando morren, morren séculos de vida, morren sistemas enteiros irrecuperables. E as árbores non morren facilmente, mesmo cando están enfermas, con tempo, son quen de curar. As nosas frondosas tradicionais son as que nos protexen da calor, da seca e do lume. As únicas que o fan, mentres nós, incesantes, as agredimos.

Ultimamente hai moitos estudos sobre o xeito en que as árbores senten, o xeito en que se comunican as unhas coas outras. Temos moito que aprender delas. O seu único problema é seren elementos de paz. Non poderen erguer as súas pólas e bater en nós, fuxir, refuxiarse. Esa é a súa única eiva. O resto, somos todo nós. Coa ollada posta no beneficio desfixemos complexos ecosistemas para botar eucaliptos. Cun voto que pon no poder a pirómanos de petos gordos, a xente que vive no monte, que coida del, que o protexe, foi quedando soa e só relevante para facer fotos turísticas de verán. Vivir na montaña é de seu duro, quen a coñecemos con certa proximidade sabémolo ben, pero o que non é aceptable é ter que marchar porque non se dan alternativas, porque se pechan escolas, centros de saúde, porque non se poñen os medios, na era dixital, para poder vivir nela.

Admito que estes días me supera a dor. Á colectiva fonda engádolle o dó da perda da miña mai, que foi tamén coma unha árbore para tantas. E agardo a que a cinsa se asente para que a única lapa que volva prender en nós sexa a da ira que mobiliza para protexer as árbores da cobiza. Ata que entendamos que o único sentido da vida humana é preservalas.

Comentarios