mércores 19/05/21

Resignificar o sostén

Cando a miña amiga Daryl Leyesa comezou a difundir fotos entre as súas amizades de como facer o "sostén de emerxencia", a primeira reacción foi a hilaridade. Ante a erupción do volcán Taal, en Batangas, nas Filipinas, un dos principais problemas da poboación foi e segue sendo o acceso a máscaras protectoras. Como sempre acontece nestas situacións desesperadas, o lado humano sae no mellor e no peor. Houbo quen, mentres moitas persoas ofrecen alimento e refuxio ás miles de evacuadas, decidiu subir o prezo das máscaras. A protección da choiva de cinsa, sobre todo á hora de respirar, é fundamental en toda a zona afectada.

Foi daquelas cando Leyesa, incansable activista feminista, lembrou a testemuña que escoitara dunha compañeira nun encontro da Asociación de Mulleres Rurais das Filipinas,organización coa que traballa estreitamente, que relataba como, tras un terremoto, unha muller collera un suxeitador con recheo e fixera del unha máscara protectora que a axudara a sobrevivir entre o refugallo. Cando esta compañeira narraba a ocorrencia, houbo quen riu, mais Leyesa, que ten unha sensibilidade política moi fina, quedou intrigada pola inventiva. Foi así que decidiu probar o sistema e difundir a través do Facebook un titorial sobre como facer esta eficaz máscara, tras comprobar que Elena Bodnar, unha médica ucraína asentada nos Estados Unidos, mesmo patentara unha versión comercial do remedio que utilizara tras o desastre de Chernóbil. A Bodnar tomárona tan en serio que lle deron un premio Nobel Ig, unha parodia dos galardóns suecos.

Toda esa hilaridade perde a súa graza no medio dunha erupción volcánica. Tanto Daryl coma min ficamos co incomodo de pensar cantas veces ás mulleres se nos toma a risa en cousas vitais. No caso do cambio climático e os desastres que se ocasionan debido á nosa cobiza sen fin, desoír as mulleres, en particular as nosas compañeiras do Sur, as labregas, as afectadas directamente polas catástrofes, e os seus coñecementos e innovacións ten un custo que a humanidade non pode permitirse. Mentres nas Filipinas as mulleres resignifican a opresión do sostén, en Australia son as indíxenas as que saben como controlar o fogo de xeito tradicional. Son elas, a súa creatividade e recursos, quen garantirá a supervivencia do planeta. Mais mentres sigamos rindo e desprezando os seus coñecementos enraizados e diversos, o capital seguirá avanzando fronte á vida.

comentarios