Opinión

No presente

A semana pasada moitos centros de ensino galegos uníronse nunha acción de solidariedade con Palestina. Neste momento, a poboación palestina precisa de todo o apoio que poidamos enviar. Porque neste xenocidio televisado, a reacción da comunidade internacional non é só responsable das mortes, senón tamén dunha desmoralizante sensación de abandono que as sociedades civís do mundo podemos paliar. En Palestina e en tantos outros lugares.

As accións coa rapazada, lonxe de seren algo superficial ou irrelevante, cobran vital importancia. Todas as que hoxe estamos no activismo entendemos a súa transcendencia e o que custa organizalas. As crianzas e adolescentes viven nun mundo de valores contraditorios no que teñen que tentar definir os propios e a pedagoxía de poñerse do lado de quen está vivindo un xenocidio histórico non é menor. Tamén sei que os valores que algunhas menores reciben nas súas casas chocan de forma directa cos que reciben na escola, ou viceversa, e esta é unha situación que pode ser válida en todo tipo de sentidos. Por iso cada vez que na escola, no canto de poñerse o profesorado do lado dos valores maioritarios do sexismo, a homo/les/transfobia, o racismo... busca a reflexión, presenta ideas antagónicas a estes sistemas e remexe no alumnado, o seu traballo de semente é sumamente poderoso.

A participación das crianzas e da mocidade na sociedade, no mundo, é algo que resulta fundamental. Tamén na literatura as súas vidas e experiencias deben ser contadas dende o respecto e a empatía. Os temas que a elas importan son temas que deben importarnos a todas e de aí que me opoña sempre frontalmente a eses supostos críticos que para descualificar unha obra a marcan como "xuvenil". A súa falla de vocabulario e ferramentas para entender as obras literarias non ten por que pagalas a rapazada.
Ler libros para todas as idades é un privilexio que temos as persoas adultas. Interesarnos, acompañar e animar á mocidade a estar no mundo de forma crítica é a nosa responsabilidade, tamén das que non somos nin mais, nin pais nin docentes. É este un traballo fundamental e irrenunciable e que cómpre ser respectado e agradecido cando se fai dende os centros de ensino.

Detesto a idea de que ás crianzas e rapazada lles pertence o futuro. O que lles pertence é o presente, nel viven e nel son persoas. Exceptuando, por desgraza, as palestinas, ás que xa só podemos acompañar esixindo xustiza.

Comentarios