Opinión

Na casa do pai

Hai cousas que xa a estas alturas da vida deberían resultar obvias, como a secundarización que as escritoras seguimos experimentando. Non fai falla falar aquí de cifras que son evidentes, por moito que se emperren algúns. Tampouco das dificultades de "conciliar" vidas privadas e literarias, das violencias de estar no espazo público como mulleres. Todas as escritoras recibimos violencias. Unhas máis ca outras, está claro, e as interseccións de clase, de racialización, de aspecto físico, de idade, de postura política por veces pesan máis ca o xénero. Mais segue sendo evidente que o A da escritora marca.

Para empezar, moitas de nós tivemos que saír da metafórica casa do pai, dese mundo de referencias literarias masculinas, para atopar as nosas iguais. Moitas tiveron que avanzar ante a inseguridade de non querer nin sequera chamarse escritora, ou poeta, ou dramaturga ou tradutora porque se supuña que o que elas facían era menor e supeditado á ollada e aprobación masculina, á crítica misóxina.

Moitas viviron a renuncia á escrita para atender vidas de coidado e de relacións heterosexuais hexemónicas onde o deles segue tendo, dentro e fóra da casa, máis valor social. Quen pense que todo isto é cousa do pasado é evidente que non habita corpos coma os nosos.

De todo isto fala a magnífica novela de Karmele Jaio A casa do pai traducida por Isaac Xubín ao galego para Hugin e Munin. De todo isto falamos o outro día na SELIC a autora e mais eu. Dela é tamén Amaren eskuak (As mans da miña mai), inédita en galego. É curioso que o pai e a súa exploración tamén (non en exclusiva) da masculinidade fixese moito máis ruído ca as mans da mai. Jaio comentaba en Compostela que con esta novela lle falaban ou escribían moitos homes, como algo excepcional.

E está moi ben que os homes lean obras de mulleres e que lles dean que pensar, mais se cadra é importante que lean aquelas nas que eles non están no centro do relato (ou polo menos, malia as dúas protagonistas marabillosas Jasone e Libe, a eles parece que só lles parece central Ismael).

Tantas cousas aínda pasan desapercibidas que debemos enunciar. Tantas conversas aínda entre autoras de lugares que nos queremos dar as mans das nosas mais e construír con elas as nosas fragas. Porque xa nos deixou dito Lorde que coas ferramentas do amo nunca destruiremos a casa do amo. Por iso se cadra é tan importante ollar dentro, e construír o noso propio lugar.

Comentarios