Opinión

A montaña de grans de área

A expresión popular é un grande antídoto contra o estrés: non facer unha montaña dun gran de area. Mais, que pasa cando si cómpre facer unha montaña?

Penso en concreto na tormenta perfecta que tanto lles gusta ás industrias contaminantes: un rural despoboado, un poder gobernamental cooptado polos intereses do capital, unha sociedade construída sempre dende a visión do atraso que permite a retórica dos "proxectos dinamizadores do rural" cando en realidade, ao que veñen, é a explotalo (e de paso a acabar co medio natural). Non é casual que aparezan macroproxectos de grandísimo impacto destrutor coma o que Altri formula para a comarca da Ulloa e para Palas de Rei en concreto. Non sei a quen pretenden enganar, pero en Galicia temos o exemplo nefando de Pontevedra para saber que unha celulosa non é unha industria ambiental, que contamina todo ao seu arredor e que, no caso da Ulloa, afectará a un sensible sistema de convivencia humana e natural, dende as pequenas explotacións gandeiras ao mexillón, que non se entende como non se pon en valor, no canto de emperigoalo.

En Galicia este tipo de macroproxectos tiran rédito dos elementos que antes mencionaba. Pirámides poboacionais inversas, desprovisión de servizos, medidas que impulsan a despoboación para plantar eucaliptos porque os castiñeiros, soutos e ríos precisan da atención humana que podería producir riqueza, mais non para os petos gordos de quen só busca a cobiza. Estas empresas e os seus aliados contan cos grans dispersos.

Mais en Galicia, tamén, fronte a ese discurso que nos pinta como pobo atrasado e vitimista, o que temos é unha longa tradición de crear montañas. Dende este medio no que escribo, creado pola acumulación de persoas individuais que nos convertemos en accionistas, ata a paralización cada vez máis sistemática de proxectos de grande impacto ambiental (pensemos en Catasós e na ameaza permanente dos macroeólicos) e a oposición frontal a outros como a mina de Touro.

Se algo temos claro de todo ese camiño é que as persoas que habitan os lugares que se ven ameazados son os grans de area que teñen que guiarnos para crearmos montañas. As montañas son a nosa protección contra a ignominia e a destrución da vida. As montañas debemos de ser toda a cidadanía mobilizada para apoiar en toda acción que se convoque por parte da Plataforma en Defensa da Ulloa. Velaquí o meu gran: que ninguén deixe de poñer o seu.

Comentarios