Opinión

Memoria contra a cinsa

A miúdo a recuperación da memoria das mulleres, que é tan crítica para os feminismos, ten que realizarse en contra das imaxes conservadas polas súas familias, da dos padriños, da das sociedades que as acolleron. Por veces, mesmo en contra de si mesmas. Isto foi o que aconteceu cando hai xa dez anos, no 2013, dende A Sega decidimos dedicarlle o I Día das Galegas nas Letras a Dorothé Schubbarth. A homenaxeada non só non quixo asistir por atopar excesiva unha homenaxe, senón que non tiña moi claro que quixese ver o seu nome vinculado ao dun colectivo feminista. Este feito desencadeou un interesante debate interno, que se cadra é o máis enriquecedor da Sega.

Dado que os feminismos son unha ferramenta para a relectura da realidade e unha intervención para a súa mellora, nada impedía que, malia Schubbarth non considerarse feminista, nós si considerarmos que o seu traballo o era. A nosa intención de escoller unha estranxeira, unha muller que segundo o canon patriarcal non era escritora e que traballara con outras que supostamente tampouco o eran, partía dunha clara conciencia da importancia do seu traballo para todas nós. É só grazas a Schubbarth, por moito que lle gustase pasar desapercibida (obviamente, algo no que estaba no seu dereito), que sabemos que o maior tesouro literario que posuímos na nosa lingua, a lírica popular, foi creado, mantido e transmitido maioritariamente por mulleres. E non mulleres a eito, mulleres con nomes, lugares, mesmo personalidades conservadas agora por escrito. Que cousa máis feminista ca esta pode haber? Que podía ser máis de xustiza que facer visible o nome, certamente bastante esquecido, de Schubbart como pioneira, como relevante para lanzar debates pertinentes dentro do noso sistema literario dende unha óptica feminista?

É triste que a noticia do seu pasamento e as homenaxes que deberan dedicárselle queden escurecidas pola última rexouba literaria da que parece que hai xente incapaz de obviar o irrelevante para quedar co pertinente. Os debates que o sistema literario galego merece precisan traballar, como fixo Schubbart, cara a un coñecemento que nos vincule co país ao que pertencemos. Merecemos coñecer mellor a mulleres coma ela e deixar de dar centralidade a certos señores, omnipresentes e omnipotentes, que fan do traballo das mulleres, cinsa, que se apropian da memoria, dos textos e das vidas para reducilas, novamente, a rexouba.

Comentarios