Opinión

Hostilidade

Hai uns días tiven que entrar nuns grandes almacéns que non piso na vida para usar os baños. Alá atopei unha señora maior, ben vestida, enxoiada e en proceso de retocarse no espello. Eu ía concentrada en ver se estaba libre algún dos cubículos e só escoitei e respondín a medias ás súas interpelacións. Primeiro preguntou se era este o baño de mulleres. Chamoume a atención a pregunta porque, se ela estaba dentro, o normal era que soubese en que baño se atopaba. Contestei que si, asegureille que acababa de ver o cartel na porta. Logo comezou unha ladaíña que non procesei ata que pechei a porta: “es que ahora no se sabe”, “es que ya vete tú a saber”. Na miña verza particular tentaba tirar sentido daquelas afirmacións pensando se era unha cuestión de cambio de sinaléctica ata que caín na conta de que... a sinaléctica era eu.

Foi así, na privacidade do cubículo dun baño -máis ou menos- público que caín na conta de que ese ser con pelo curto, de altura e constitución sólida e vestido cuns vaqueiros e unha cazadora, é dicir, eu, acababa de ser lida coma un home. Non é isto algo infrecuente. De feito, pásame a miúdo. Chico, tío, rapaz, mozo. Ata unha monxa, cando tiña por aí dezaseis anos, lle dixo a miña mai que xa vía que “tu hijo está hecho un hombre”. O fillo era eu. É curioso que cando conto isto moita xente que me coñece non entende como me poden confundir cun home. O mesmo lles debe pasar ás persoas trans: o incrible é que outras non as vexan como quen son.

Estas anécdotas, que nunca me fixeron máis que graza, alíanse co meu afán de mercar roupa e zapatos por tamaño e non por xénero, consciente de que o que para min é unha anécdota, para outras persoas é a diferenza entre a vida digna e a violencia, e que se hai algún lugar relevante onde me toque poñer o corpo cis é aí, desfacendo esas caixiñas e raias. 

O outro día, por primeira vez ao saír do cubículo, contemplei a señora que seguía aí, á espreita, falando soa e mirándome con hostilidade. Pensei na responsabilidade de quen insisten en difundir mentiras, odio e andrómenas sobre mulleres e homes trans. Na súa responsabilidade e na súa violencia. E no reforzo aínda maior do meu compromiso como persoa cis de seguir rompendo os cubículos. Porque nós podemos facelo sen o risco vital e emocional que implica para as persoas trans. Porque somos nós cos nosos corpos quen podemos facer os espazos seguros para todes ou para ninguén.

Comentarios