Opinión

Ferramentas e alianzas

Odía 31 de marzo é o Día da Visibilidade Trans, unha data que nos axuda a celebrar os logros conseguidos como sociedades que valoran a diversidade e dignidade humana, mais tamén é un día para actuar contra as estruturas da transfobia.

Nos últimos tempos houbo unha focalización lícita no chocante discurso de certas mulleres cis que se erixen en representantes dos feminismos para os cales nunca traballaron (J.K. Rowling), que amosan a continuidade co racismo e negación da autodeterminación dos pobos (Valcárcel ou Freixas) ou o doutras compañeiras para as cales persoalmente non podo atopar nin explicación nin desculpa (o recente e triste caso das Mulheres Nacionalistas Galegas no Consello da Muller de Vigo). Os feminismos son as teorías e prácticas que máis teñen reflexionado sobre a complexa intersección entre os corpos e as normas sociais para agora acabar apoiando consignas ridículas como "ser muller non é un sentimento" simplemente para anular a existencia de realidades que nos interrogan desde as premisas máis básicas dos feminismos hexemónicos, pois que significa "unha non nace muller, faise" –Beauvoir– ou "a bioloxía non é destino" –do colectivo feminista Laboria Cuboniks–? Se algo nos ensinan os feminismos na súa eficaz construción de suxeitos colectivos que parten con frecuencia de oposicións profundas é que as diferenzas na teoría só teñen unha resposta lícita na práctica: a empatía que pon no centro a quen está na posición máis afastada da hexemonía.

Porén, ás veces esta focalización fainos esquecer que para quen é máis produtiva a transfobia é para o patriarcado. Seguen sendo os homes cis os que fan das mulleres trans un obxecto de fetichismo abxecto (concepto de Kristeva, outra feminista). É tamén a masculinidade hexemónica a que segue facendo dos homes trans unha aberración. O patriarcado atopa ameaza nos corpos e nas construcións identitarias que saen do rosa e do azul (e acusar as persoas trans de reafirmar isto é traspasarlles unha responsabilidade que non é delas), que nos interrogan, que poñen patas arriba a idea de que certos corpos teñen que encaixar en certas etiquetas. O androcentrismo, outro concepto feminista sumamente útil, pon o masculino no cumio dunha pirámide que debemos dinamitar día tras día. Fronte á transfobia, as nosas alianzas deben facerse máis fortes porque ao final dese proceso están as vidas das persoas trans e das mulleres cis.

Comentarios