domingo 31.05.2020

A estirpe de mulleres como Begoña Caamaño

Se hoxe Begoña estivese aquí seguro que riría na miña cara porque a pesar da miña afervoada, coma sempre, argumentación, no fondo eu tampouco me vexo capaz de poñerme de pé diante de vós e, como autora, non reclamar a voz común e a estirpe da que proveño. A estirpe de mulleres como Begoña Caamaño.

Hai premios que son froito da casualidade, da fortuna de ter un xurado que, ás cegas, abre o sobre co teu nome porque atopou algo de valor no que no seu día escribiches. Logo hai premios, coma este, que  son froito da vontade. E do afecto. A min ensináronme a tentar devolver afecto con afecto, sempre e cando non vaia en contra dos meus dereitos humanos, que como muller e galegofalante non sempre está todo tan claro.

 "Eu explicáballe que as autoras precisamos ter nomes e apelidos, e que malia entender a súa xenerosidade, o premio era dela e nada máis". 

Sexa como for, hoxe teño que falar por forza dos afectos. Xa non só porque entendo a literatura como xenerosidades, sobre todo por parte de quen le; como un sistema de filiación e de busca colectiva de respostas. Senón porque hoxe debo falar por forza, comprenderédelo, de Begoña Caamaño. Ela estivo diante de vós hai só dous anos, a súa voz aínda viva entre nós. Ese día, ela, capaz como ningunha de crear estirpes, tivo a xenerosidade inmensa de citarnos a moitas outras compañeiras. O día seguinte debatemos polo facebook ela e mais eu, como tantas outras veces. Eu explicáballe que as autoras precisamos ter nomes e apelidos, e que malia entender a súa xenerosidade, o premio era dela e nada máis. 

Se hoxe Begoña estivese aquí seguro que riría na miña cara porque a pesar da miña afervoada, coma sempre, argumentación, no fondo eu tampouco me vexo capaz de poñerme de pé diante de vós e, como autora, non reclamar a voz común e a estirpe da que proveño. A estirpe de mulleres como Begoña Caamaño.

E de aí que esa estirpe, e tamén o afecto, me obriguen a ser honesta. Síntome honrada con este premio, pero non me chega. Non me chega que as autoras sigamos sendo en moitos espazos, unha mera
anécdota. As autoras aínda precisamos unha voz e un espazo propio, por moito que se nos diga. Precisamos unha lectura por parte do sistema literario menos prexuizosa. Igual que un empresario non ten por que pensar necesariamente que contrata a un home por ser home e bota a unha muller por ser muller, o feito é que mentres non sexamos seres inmateriais, as percepcións de xénero marcan cada unha das cousas que facemos. Esas percepcións críanse no caldo de cultivo do imaxinario patriarcal, un que precisamente contribúe a crear a literatura. Por iso é tan importante comezar a desprazar as identidades hexemónicas do centro das narrativas, contar con sistemas literarios biodiversos, porque temos a chave do cambio de tantas cousas na man. Ou mellor dito na palabra.

"As autoras aínda precisamos unha voz e un espazo propio, por moito que se nos diga. Precisamos unha lectura por parte do sistema literario menos prexuizosa"

Hoxe estou diante da comunidade de editores e ben poucas editoras deste país, das persoas que mediades para que os textos, a nosa ficción, o noso pensamento, cheguen á cidadanía e non podo máis que apelar á reflexión. Como editores pídovos que pensedes un intre por que algúns xéneros seguen estando case totalmente copados por homes. Por que segue sendo anatema dicir feminista, escribir lesbiana? Por que aínda se len con prexuízos -si, dixen que ía ser honesta totalmente- as obras protagonizadas por mulleres que non seguen os ditados patriarcais? Por que aínda precisamos «padriños», homes cos que compararnos, para dar valor ás nosas obras? Por que as autoras máis novas seguen enfrontándose aos mesmos dilemas?

Por que renuncian algunhas de maneira expresa e aberta ao feminismo, que por certo lles deu a capacidade da palabra pública que agora utilizan para desprestixiar e desentenderse do herdo común de tantas, Caamaño incluída? Por que, cando acaba de saír un estudo no que aparecen centos de mulleres escritoras xa no século XIX, temos que seguir escoitando que acabamos de chegar?

"Na nosa man está agora gardar a súa memoria, que pasa por traballar por un futuro no que algún día as autoras poidan subir aquí e falar, simplemente, da súa escrita e das súas obras".

Por que temos que seguir tolerando que só as obras dos homes se consideren como maiores e sobre as autoras se escoiten seguido valoracións que indican un “nivel literario” menor? Por que no caso
das autoras escribir dende a experiencia se entende demasiado a miúdo como biografía con afáns morbosos e non como forma de coñecemento? Todas estas cousas preocúpanme bastante máis ca
anécdota que eu poida supoñer, pero dende ela, dende esta pequena fenda, falo.

Seguramente, as únicas respostas relevantes sexan os feitos que agardan e que agardamos moitas. Debémosllo, debédesllo a autoras e persoas da estatura de Begoña Caamaño, porque o 2014 foi sen dúbida un ano de traballo vizoso para min no literario, e agradezo fondamente que se recoñeza, pero tamén foi o ano no que tivemos que afacernos como comunidade dos afectos a vivir sen Begoña. Na nosa man está agora gardar a súa memoria, que pasa por traballar por un futuro no que algún día as autoras poidan subir aquí e falar, simplemente, da súa escrita e das súas obras. Ata que ese dia chegue, atoparédesme sachando e tecendo coas compañeiras no camiño. Este premio acólloo como azos para continuar.

comentarios