Opinión

Estar en minoría

A situación, por desgraza, é bastante ordinaria. En canto un ou dous homes se atopan rodeados de (algunhas) mulleres escoitamos aquilo de "estar en minoría" como unha especie de broma á que nunca son quen de atoparlle o chiste. Ignoro dende cando os homes "en minoría" se ven ameazados. Dubido que ningún sentise medo pola súa integridade física. De feito, cando os homes están en minoría (pensemos no fillo único entre moitas mulleres ou no caixeiro do supermercado ou enfermeiro), adoitan recibir un trato preferente.

Estes comentarios chocan nunha sociedade na que seguimos vendo imaxes como a da doutora que a semana pasada obtivo a súa cátedra no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo: unha muller soa ante un panel de homes. Mesmo cunha maioría absoluta de alumnAs fica claro cantas chegan á cátedra. Azar (como a selección do tribunal?) ou machismo que perpetúa e valora en exceso a eses homes "en minoría"?

Xa que logo, non chega con que "haxa mulleres", senón que cómpren medidas correctoras que neste caso non funcionaron (azar ou falla de vontade?). Unha delas, introducida para corrixir estas situacións de discriminación, é a chamada "paridade", que o que buscaba era dar acceso ás mulleres a espazos totalmente dominados por homes e impedir circunstancias como as que manifesta a foto antes mencionada. Esas medidas non se fixeron para introducir homes en todos os espazos, cousa que as institucións esquecen (por exemplo, no meu tribunal de tese vinme obrigada a incluír homes, non se me deu outra opción), senón para obrigar as estruturas a recoñecer que non se parte das mesmas condicións sociais. Que que os homes "estean en minoría" non ten nada que ver, nin a nivel social nin persoal, con que as mulleres o esteamos.

Porque, cunha soa catedrática no Departamento de Filoloxía Galega, serán os seus temas prioritarios se por algún casual lles introduce un enfoque feminista ou de inclusividade? A que tipo de violencias de todo tipo (e non excluamos as sexuais, dende comentarios sobre o corpo, status reprodutivo ou orientación sexual) temos que facer fronte as mulleres cando "estamos en minoría" en calquera espazo? Moitas preguntas que requiren respostas urxentes e contundentes por parte das institucións, tan estritas para evitar que os homes estean "en minoría" e tan lentas para garantir que as mulleres poidan exercer o seu traballo con garantes de seguridade.

Comentarios