Opinión

Os dereitos das outras

Teño para min que moita xente que vota á dereita, a ese partido de ignominia que está contento de pactar coa extrema dereita de Vox porque Vox é unha escisión da súa esencia, non está necesariamente a favor de certos aspectos reaccionarios do ideario destes señores. Teño para min que hai xente que argumenta que "a dereita xestiona mellor a economía" ou o típico "total, todos son iguais", ben aderezado con comentarios despectivos aos partidos de esquerdas como inzados de xente aproveitada, langrana ou directamente ladroa. No fondo, estas persoas e os seus prexuízos "benignos" poden ignorar o resto do ideario (o machismo, o racismo, a les/bi/trans/homofobia, a galegofobia...) porque non son obxecto dela. Ou iso pensan.

É incrible como as persoas que pensan que os seus dereitos están seguros, que son os dereitos doutras –irrelevantes, raras, desviadas, pailarocas, vidas menores– os que están en xogo, non caen na conta de que todos os dereitos están en perigo coa extrema dereita.

Penso isto moitas veces cando se debaten os dereitos das compañeiras trans. O desprezo cara ás súas vidas e aos seus corpos está baseado en construtos que son nocivos para todas. Sen ir máis lonxe, pensar que a testosterona no deporte te fai mellor implica que todas as mulleres cis somos inferiores (e de partida todas temos isto interiorizado, sobre todo as que practican deporte profesionalmente, tamén porque é máis doado poñer de inimigas as mulleres trans ca os verdadeiros inimigos: os señores cis que dominan todos os espazos deportivos dos que dependen para vivir). O control sobre os corpos trans é a porta que abre o control sobre todos os demais corpos. E por suposto que non hai que poñerse do lado das persoas trans porque os nosos dereitos tamén estean en xogo: os dereitos das persoas son sempre innegociables e inopinables. Mais co avance da extrema dereita é moi difícil non sentir que hai unha gran parte da cidadanía que bebe dun discurso superficial que se lles ha volver en contra.

Agora se cadra só nosoutras sentimos o terror do que se achega, desa verdade revelada que parece que ninguén cuestiona, do branqueamento constante nos medios do discurso do odio, do fascismo máis rancio, coma se fose lícito e entrase na "liberdade de expresión". Mais ese terror, se non lle poñemos remedio, ha chegar ás vidas de todas para instalarse. É tempo de poñer couto co voto, coas palabras e cos feitos.

Comentarios