Opinión

Aquí, alí, agora!

Regreso de pasar case un mes en Támil Nadu, o meu segundo fogar. É este un país cun forte sentido da identidade propia dentro dun Estado, o indio, liderado polo fundamentalista hindú Modi, que tanto defende teorías surrealistas sobre as vacas como vende medio país ao capital foráneo. Estes días o tal Estado celebraba a culminación dun atentado de dimensións astronómicas: a destrución da Babri Masjid, unha mesquita en Ayodhya para construír unha monstruosidade en honor a Rama, ese heroe do hinduísmo que encarna a peor das masculinidades. Nun país fundado sobre a crenza da diversidade cultural, lingüística e relixiosa, as celebracións desta aniquilación sen precedentes incluían dende celebrities do TikTok a todos os presidentes dos estados federais. Menos un: o presidente nacionalista de Támil Nadu, M. K. Stalin que afirmou que endexamais visitaría un templo que significa a erradicación da Outra.
Sinalada como "antipatriótica" ou mesmo "terrorista", este tipo de representación política é a única que traballa pola convivencia para a maioría da poboación, sobre todo para aquela que se atopa xa en situación de minorización ou desvantaxe. Por desgraza, comprobamos cada día e en todas as latitudes que os intereses dos partidos hexemónicos adoitan estar máis ben en tirar partido do descontento e da frustración que as súas políticas provocan para xerar odio e manter os de sempre no poder.

Aquí, en Galicia, somos testemuñas das mesmas estratexias. Vemos como o partido que fixo da nosa terra unha plantación de eucaliptos e eólicos, que desmantelou a educación e a sanidade públicas, que reduciu a CRTVG a un ente de propaganda (e do galego, xa que dicir!) quere presentarse como a "Galicia que funciona". E tanto! Para os seus petos, funciona de marabilla.

É tempo de entender que, tanto aquí como en Támil Nadu, as únicas opcións que van defender a convivencia e a supervivencia, as únicas opcións que, malia o que digan os partidos da dereita, pensan no global e no mundial, son aqueles que se denominan "nacionalistas". Eses que defenden que todas as persoas merecemos vivir con dignidade onde elixamos, que a diversidade é riqueza, que cómpre vivir en harmonía co medio e tender a man dende a nosa raíz ás pólas das demais. Por iso, en todos os lugares é hora de poñer a esperanza no voto. Por iso o tempo é agora. Por iso é o momento de poñer a presidencia da Xunta en mans de Ana Pontón.

Comentarios