Opinión

Ante todo, calar

Hai anos xa que deixei un traballo de consultoría para unha ONG alemá porque o machismo, racismo e homofobia da dirección era tal que lles parecía máis grave falar da violencia de xénero ca a violencia mesma. A súa escusa: os homes (bárbaros, deses países "subdesenvolvidos", aos que lles resulta imposible cambiar, non coma os homes alemáns que dirixían a devandita ONG, claro está) vanse enrabechar se as mulleres se organizan e (teoría endexamais demostrada) bater "máis" nelas. Porque, claro, o feito de que as mulleres, nenas e disidentes padecesen violencia real nese momento a altos niveis non era importante, o importante era a violencia potencial que podía –ou non– desencadearse.

Esta situación reafírmase unha e outra vez con diferentes versións. A semana pasada as compañeiras de A Panadaría denunciaban un episodio aterrador no que, nun festival ante seiscent*s adolescentes, parte do público se dedicou con total impunidade a chamarlles putas. Ademais desa situación inimaxinable, a min deixáronme atónita certas reaccións ao facer pública esta violencia. Que por que non fixeran nada. Que de que valía unha nota nas redes.

Que o que deberan facer fora parar a función etc., etc. Ademais do obvio de entender que seguir coa función foi o acto de maior rebeldía que puideron acometer as compañeiras (porque ao final o que queren os insultos e o machismo en xeral é expulsar as mulleres e disidentes dos espazos, comerche a moral, desanimarte, facerche sentir unha merda e que desistas, co cal aínda por riba a culpa é túa), abráiame ata que punto falar da violencia resulta máis problemático ca a violencia mesma unha vez máis.

Xusto nesas mesmas semanas, a min tamén houbo quen me criticou e puxo en dúbida "de que me queixaba" ao falar dos reiterados ataques e críticas machistas, cheas de zuna e nula profesionalidade, que levo recibindo os últimos vinte anos. Porque parece que o importante é calar, que o importante é que as que somos visibles non falemos da violencia. Pois os feminismos son precisamente o contrario. Falar das violencias individuais vinculándoas sempre ás colectivas é a base que nos permite tecer unha rede que protexa as vítimas e que deteña a man (e as voces, e as palabras escritas) dos agresores. Porque o importante, ante todo, non é calar, senón seguir falando, actuando e facendo, conseguir ter visibilidade malia ese clima de violencia constante no que traballamos.

Comentarios