Opinión

Unha enormidade

O mes pasado e os primeiros días deste foron pródigos en feminicidios, en mulleres mortas de morte matada, por o dicer con antiga frase de noso. Neste mes, en concreto, catro en España e unha en Canarias. Nun dos casos, co fillo ferido por tentar defender a nai. De cifras galegas estamos ben servidos tamén. E digo "cifras" porque as estatísticas –des que as hai– son arrepiantes, mais acaban por se converteren nunha especie de dano social que se sobreleva como inevitábel, por moito que se condene unha e outra vez. Nuns casos, a carencia de traballo, a precariedade, a marxinación... cébanse na persoa dunha muller próxima como compensación da ira que non se pode descargar contra os conxéneres responsábeis. É algo semellante ao que Castelao, hai máis de cen anos, debuxou naquela estampa con diagnóstico terríbel: o home cheo de carraxe mais inteiramente abatido, a esfregar os ollos, con este pé: "Chora porque o cacique deixouno a pedir. Se fose un irmán labrego teríalle fendido o corazón". Mutatis mutandis, a translación é factíbel: pode haber un corpo de muller en que descargar a violencia que a outros é imposíbel dirixir. Noutros casos, é, sen máis, o revival de "La maté porque era mía" e non se pode permitir que un obxecto, unha posesión, se revire contra o seu dono, desaire ou contraríe os seus desexos ou a súa vontade.

A realidade é tan bruta que converte en inxenua ou idealista a noción de que as mudanzas legais –cuxa benéfica intención non vou discutir– , por non se sabe que automatismo ou aplicación instantánea, van ser quen de erradicar semellante furia matadora. O caso é que, no momento presente, conviven o pior do pasado e o pior do presente: a máis negra tradición reificadora das mulleres con toda a violencia, latente e patente, do modelo económico e social imposto. O cal demostra até que ponto o cambio social merecente de tal nome é moito máis lento e traballoso do que o triunfalismo capitalista actual pregoa. O remedio, simplesmente, non vale. E non o digo eu. Afírmao unha xuíz como Ana López-Suevos Fraguela, experta na materia.

A educación. Como se pretende casar auga e aceite? Quer dicer, unha prédica en "valores" civilizatorios co alarde máis obsceno de cousificación, venda de vidas privadas e de intimidades no mercado mediático?

De por parte, como é que nelas, nas rapazas e mulleres, non se predica a necesidade imperiosa de emancipación económica como paso imprescindíbel para a independencia psicolóxica, fóra de mensaxes moralistas do tipo "aprender a quererse" ou, aínda, "empoderarse"?

Non tiña que ser moito máis contundente a loita contra caisquer formas de racismo, de sexismo e, por certo, tamén de auto-odio en forma de galegofobia admitida e practicada como natural?

Sentenzas que xustificaban a violación dun patrono a unha súa traballadora menor de idade por ela vestir minisaia ou delitos xustificados pola "vida licenciosa y desordenada" da interfecta non son do Paleolítico Superior. Son de 1989. Un bon surtido delas aparecen recollidas no libro El sexo de sus señorías. Sexualidad y tribunales de justicia en España, de Juan J. Ruiz-Rico (1991). Antonte, coma quen di. A que número haberá que chegar para disparar a alarma?

Unha enormidade. Mais unha enormidade que convive coa adopción verbal-cosmética dun feminismo de triunfadoras que se vende como modelo a imitar. No entanto, as dependentas de Zara (feminino plural) a manifestárense por dereitos económicos e por prestacións sociais negadas polo que son, mulleres traballadoras.

Comentarios