Opinión

Un millón de euros

A noticia foi de pequeno tamaño ou non existiu. Informámonos de que a Xunta (isto é, todas e todos os contribuíntes galegos) concertou coa empresa Europ Assistance, especializada en seguros de viaxes, por máis dun millón de euros, a cobertura sanitaria e de estadía para os turistas que viñeren á Galiza neste ano por mor da celebración xacobea. A Xunta espera que sexan dous millóns e medio, e aínda unha póliza complementar alongará a súa vixencia até o 31 de maio de 2022. Está vigorante xa neste mes de xuño. A empresa contratada pertence ao Grupo Generali (unha multinacional do aseguramento) e ten a sede en Madrid, na “calle Orense” (que así se continúa denominando, ao igual que a rúa “Ginzo de Limia” e supomos que outras barbaridades toponímicas que infrinxen o artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística de 1983: a deformación galega permitida á capital do Estado ou a Google revelan, máis unha vez, quen manda de verdade, década arriba, década abaixo, que máis ten...).

Levamos anos e anos, desde os finais do século XX, aturando (e pagando) unha pseudopolítica cultural-turística que, en nome dunha conmemoración relixiosa (o denominado Ano Santo), reforza de xeito extraordinario a condición colonial da Galiza e ponse ao servizo do descoñecemento do país. Entéiranse os aquí chegados de que Santiago de Compostela, historicamente, competiu con Roma e con Xerusalén? Da existencia dun potente Reino da Galiza coñecido en toda Europa? De a que se debe semellante esplendor artístico-patrimonial? Élles dado coñeceren algo do resto da nación na súa importancia histórica? Nada disto. Somos terra de promisión, para un turismo barato que desfruta de albergues pagos por todos nós, cunha escasa repercusión na hostalaría, porque cando se vén á Galiza cómpre aproveitar todas as súas avantaxes e voltar co peto o máis semellante a como se saíu.

Cando nós, galegas e galegos, saímos polo mundo en viaxe de pracer, en téndomos tempo e diñeiro para o facer, recebemos o mesmo trato? Nomearei só un lugar de altísima afluencia turística e de prestixio consolidado: Italia. En Milán ou en Florencia, debemos pagar in situ catro euros por noite (taxa municipal) e altísimos prezos de acceso a monumentos, cuxa compra, iso si, é perfeitamente xestionada polo hotel. Moito máis grave: de que seguro dispoñen as nosas e os nosos emigrantes, vellos ou novos, no país de destino e aproveitamento da súa forza laboral?

É un escándalo. Máis dun millón de euros. Informa este diario de que 4.359 empresas galegas tributan en Madrid e de que de cada 100 euros que ingresan pola súa actividade industrias da auga, enerxía ou residuos, 82 emigran. A electricidade que producimos e exportamos pagámola a prezo de ouro, para maior engorde e beneficio das eléctricas. Con menos do 0’5 dun millón de euros, asociacións culturais do país fan milagres. Canto máis haberá que pagar por sermos galegos? Talvez debamos dar de comer na nosa casa a turistas xacobeos como se facía cos músicos das bandas nas festas tradicionais? Algunha rendición máis? O que daría de si un millón de euros noutro destino! Sadomasoquismo. Outro nome non llello atopo.

Comentarios