Opinión

Monarquía republicana

No artigo da semana pasada talvez lembren que incluín unha cita epistolar en que a Galiza aparecía ecuacionada á natureza, cunha tese tan sorprendente como a de atribuír á man humana moi pouca intervención, fóra dalgúns monumentos do pasado. Pertence a Dª Emilia Pardo Bazán e correspóndese a unha carta enviada desde A Coruña, o 4 de xullo de 1888, ao seu amigo Narcís Oller, o novelista catalán. Este aserto menosprezador diciamos que vai contra todas as evidencias, pois se algo chama a atención da paisaxe galega é a súa extensa e intensa humanización, e, por suposto, a posesión dun patrimonio histórico-artístico espléndido, testemuño elocuente dunha historia nacional distintiva que clama a cada paso por ser escoitada e interpretada.

Coa franqueza que permite unha comunicación epistolar, Dª Emilia está asentando, con aquela ecuación, a pedra angular da súa concepción da Galiza, cuxos ideoloxemas nucleares vai expor coa súa proverbial contundencia no volume De mi tierra, editado naquel mesmo ano 1888 e pago pola Deputación da Coruña. A aquela altura histórica, unha outra obra humana galega ten existencia certa e verdadeira: a literatura en galego, a utilización da lingua para un repertorio serio, da cultura formal, asociado a calquer asunto temático. De xeito clamoroso tal revolución para a lingua e para a cultura galegas virá da man de Follas novas, mais tamén de Aires da miña terra (ambos de 1880) ou de Queixumes dos pinos (1886). Unha vez practicada con Cantares gallegos a súa particular operación de taxidermia, Dª Emilia xulgou esta nova literatura unha interrupción indesexada e indesexábel. Por que? Porque viña, efectivamente, interromper o curso dunha historia de españolización (secular) en virtude do cal se fixera natural o uso do castellano como lingua escrita e formal en todos os ámbitos. Elevar o galego a aquela categoría supuña desvendar de vez esta imposición política e disporse a contestala pola vía dos feitos: oposición, non contraste.

Pardo Bazán escolleu o tradicionalismo. Elexeu seguir unha tradición que reducía a Galiza a provincia integrada na monarquía española indiscutíbel. Cen anos após o seu falecemento, refacer-versionar esta decisión e esta liberdade electiva resulta realmente penoso. Querer incorporala á nómina de escritores galegos contravén non só a súa decisión senón o peso consistente da súa obra, actuación, servizo á cultura española e instalación biográfica e ideolóxica.

Mais así corren estes tempos de hoxe. A lóxica da súa celebración e significación vese envolvida non xa na hipérbole desatada senón na refacción intereseira da súa persoa e obra. A tal ponto que se vulnera adoito a semántica elementar: “aristócrata e liberal, reaccionaria e progresista, intimamente unida a Galicia, pero europeísta e cosmopolita, conservadora e adiantada á súa época, católica e iconoclasta”. Así a definen as profesoras Arantxa Fuentes Ríos e María López Sández, na Unidade Didáctica: Emilia Pardo Bazán, da Xunta de Galicia. 

Será a versión ad hoc da “monarquía republicana”, oxímoro procedente da factoría gobernamental que glosaba, en artigo recente, Ana Pardo de Vera?.

Comentarios