Opinión

A lóxica da pequenez

É algo periódico e recorrente. Cada certo tempo, diversos organismos oficiais oferécennos os seus resultados demoscópicos verbo (supostamente) da "saúde" da lingua galega. Sexa o IGE, sexa o INE ou, aínda, outros inquéritos de entidades galegas, somos informados da mingua-declive da posesión do galego por parte dos habitantes do noso país. Non vou ser eu quen renegue sen máis do cuantitativismo, mais dáse a circunstancia de que é imposíbel chegarmos a un resultado certo se o procedemento utilizado non é válido para a averiguación pretendida. Explícome. En primeiro lugar, lingua declarada non é ecuacionábel a lingua real. Un(ha) falante da comarca de Bergantiños (ou de calquer outra do país) pode declarar que usa o galego de forma habitual, entendendo por tal que o utiliza na súa contorna próxima, e soslaiar o cambio de lingua que realiza cando vai de compras na Coruña a "El Corte Inglés", a unha oficina, a un médico descoñecido, a unha "autoridade", en definitiva. Ou sexa, non hai conciencia da substitución. Ela dáse por natural e asentada, coa mesma naturalidade con que se fala en español aos pequenos para os librar do estigma padecido e facilitar a súa "correcta" inserción social. Velaí o drama (un deles). En segundo lugar, as marxes de mantemento da lingua nacional por lealdade espontánea vense a cada paso máis reducidas pola ocupación crecente de espazos por parte da lingua oficial do Estado. En terceiro lugar, coñecemento ou, mesmo, dominio do galego non equivalen en absoluto a uso real e constatábel.

De xeito recorrente, tamén, aquela noticia recorrente provoca unha resposta de moi curto voo (tempo) nunhas e noutras voces. A Xunta prosegue na súa política de abolir a realidade. Outros deixan asomar unha bágoa que logo seca no rosto ................ (insira aquí quen ler o adxectivo que considerar oportuno). Algúns parecen inteirarse agora da perda de falantes, como se este non fose un fenómeno detectado desde hai ben tempo e para o cal se teñen proposto alternativas factíbeis.

É rechamante que sexa unha entidade como a Mesa pola Normalización Lingüística quen, facendo honor ao seu nome, se dedique non só a  denunciar toda a carga represiva que pexa o uso do galego, senón a procurar remedios certos en todo o oceano por onde o galego non navega en absoluto. Falta, escandalosamente, unha mínima acción protectora, amparadora, por parte dos poderes públicos galegos, unha mínima política que sexa quen de crear un efeito multiplicador. A "cordialidade" pregoada polos representantes da xestoría (léase Xunta) é o eufemismo da submisión do galego ao indiscutido español. Por este camiño, seremos "cordiais" até as exequias, para ratificar a nosa obediencia desde este "corner de España" (Nuñez Feixoo dixit).

Ora ben, a lóxica da pequenez e da domesticidade controlada satisfaise co que hai. Desde o cinismo de quen pensa que o galego xa chegou "a la cima de la cumbre" (como dixo un figura) até quen, aínda con sentidos laios, vive ben na súa burbulla particular, porque no circuíto do esmiolado galego oficial sempre ha lugar para unha retribución conveniente. "Que queredes as mulleres, se xa vos permitimos sacardes o carné de conducir!" dicía a piada machista da miña infancia. Do mesmo xeito, nesta lóxica, que máis precisa o galego se xa ten uns cantos impresos, letreiros, libros, premios, cancións, rótulos varios? Se xa é, afirmamos nós, unha sublingua que nen sequer pode contar cunha política de armisticio amistoso por parte do Estado e da Xunta?

Comentarios