sábado 31/10/20

Lingua galega: Balor ou valor?

Andou pola nosa terra, en viaxe colonial-eleitoral, o sr. Abascal, alto xefe de Vox. As súas declaracións sobre a lingua galega son elocuentes non só a respeito da “teoría” que acompaña unha práctica persecutoria e galeguicida, senón dunha concepción que vai para alén da súa organización partidaria. Coido que erran quen xulgan a súa posición un revival sen máis do franquismo, sen obsolencia programada. Na realidade, este partido é extremamente funcional ao sistema bipartidista español. O PP precísao para “centrarse” e oferecerse como alternativa plausíbel. O PSOE, como sparring en quen bater para se lexitimar como “progresista” e encarecer o temor a unha desbocada e totalitaria acción política de ultradereita. Mais a realidade material e política amosa unha outra face. Estes elementos argumentan a “falta de libertad”: así é como chaman á precaria e residual presenza do galego como idioma social e público. Cualifican o galego como “el idioma de mis ancestros” (“mi abueliña me ha hablado gallego toda mi vida”). Xulgan como ofensa “cualquier tipo de ataque al gallego”, porque equivalería a “un ataque a mis raíces”. Velaquí a momificación da lingua, a súa morte inevitábel, como cousa de vellos próximos á fin. Que demo son as “raíces” se non tiveren tronco, pólas, ramas, frores e froitos? Isto é, vida. Tais declaracións paternalista-sublimadoras cobran o seu verdadeiro rosto cando teñen detrás unha práctica mortal: o galego sobra, e cómpre vencelo-matalo antes de que chegue a adulto. De por parte, esta organización política reverencia a Constitución española, sabe que a monarquía é o seu sostén e non ten reparo nengún en abenzoar o funcionamento central do capitalismo.

Esta chamada ultradereita leva ás súas últimas consecuencias o españolismo nuclear e indesmontado das outras forzas do sistema. Como se vai atacar ou minguar a súa existencia se non se combate, asemade, este españolismo atroz? Todo vai no mesmo bloco. Para eles, o galego é balor, mofo de panoplia vella e prescindíbel. Para os bipartidistas, o galego, na aparencia, é “valor” a ter en conta, porque pertence ao arsenal da propria xustificación-lexitimación da autoanemia en que queren mandar. Ora ben, que significa ponderar o “valor” dunha lingua, se ela non se usa, non se programa, non se vixila a súa mingua ou os seus avanzos, se non hai o menor interese por “promovela” dentro do cativo (pequeno e cautivo) marco autonómico, se nen sequer se leva a termo a mínima lexislación favorábel ao seu uso público, se se desatenden alertas internacionais sobre o seu declive, se se lexisla mesmo para protexer o seu desaparecemento e o imperio do español? Por esta vía, por activa e por pasiva, a conversión de “valor” en “balor” está servida.

Para o nacionalismo galego clásico e contemporáneo, o galego si foi valor de uso e non valor de cambio eleitoral. A súa práctica social e pública, a súa normalización de facto para todas as funcións e en todos os ámbitos, palabra de orde distintiva. Dela provimos. Por ela existir, mantense viva aínda a relación toda de carencias e de necesidades que o idioma ten. Por tanto, asunto político ou repetición retórica do que fomos?

comentarios