Opinión

Un libro útil, claro e valente

O seu título é: Som dones, som lingüistes, som moltes i diem prou. O  subtítulo é ben elocuente da intención do mesmo: Prou textos incoherents. Canviem el món i canviarà la llengua (Eumo Editorial, Vic, 2021). A súa editora é Carme Junyent, profesora de Lingüística na Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona. Dirixe o Grup d´Estudi de Llengües Amenaçades, é especialista en antropoloxía lingüística, con experiencia docente e investigadora en varias universidades europeas e americanas. Posuidora dun envexábel espírito anti-etnocéntrico ou anti-eurocéntrico. Sabe do que fala, non por filantropía senón por información directamente procurada. Coñecémola na súa terra e coincidimos con ela tamén na Galiza. Hai pouco –o 19 de Decembro de 2021– esperamos vela de novo, pois coincidíamos no acto de celebración do 25 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, organizada polo CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), o PEN catalá e a Fundació pels drets col.lectius dels pobles, que tivo lugar na data indicada en Barcelona, no Auditorio do Palau da Generalitat. Non puido acudir, por se atopar doente, e foi lido un texto dela, dos moitos que ten dedicado á situación do catalán e á defensa dos dereitos lingüísticos de todos os povos do mundo.

O libro a que nos referimos tivo tres edicións entre Setembro e Novembro de 2021, o que fala ás claras do seu bon suceso. Hai algo máis dun ano que o lemos e moito nos satisfixo verificar, por outras cabezas e mans femininas, teses que tamén nós temos exposto e defendido. Conta con 70 colaboracións de escritoras, docentes, tradutoras, correctoras de textos, feministas declaradas todas elas..., en breves artigos que compoñen un rigoroso, plural e variado painel de observacións e valoracións do que se deu en chamar linguaxe inclusiva e, ao seu abeiro, modificación de estruturas morfolexicais dunha lingua dada. É xeral a contestación dunha tiranía ordenancista de institucións de goberno ou de universidades na adopción obrigada de formas agramaticais supostamente femininas. Traduzo estes anacos da introdución de Carme Junyent: As directrices para mudar a lingua, para a facer máis inclusiva ou para visibilizar as mulleres, comezaron nos anos setenta. Quizabes ninguén pensou que os cambios lingüísticos, se non veñen de abaixo, é moi difícil que prendan, e por isto chegou un momento en que foi o poder o que comezou a impoñelos [...]. O pior de todo, porén, é que son os que mandan os que se apoderaron da vontade das mulleres e agora nolos impoñen [...]. Se a loita pola liberación e a igualdade de homes e mulleres foi fagocitada polo poder, tornamos a estar onde estabamos: continúan a dicer que temos que facer, como habemos de falar e como temos que pensar.

O problema, en fin, está no funcionamento económico e político e na lentitude do cambio social, non na lingua. Por tanto, a solución non vai vir de submeter esta a unha ortopedia inducida desde arriba (impoñer "xerenta", por exemplo: "xerente" ou tantos outros termos valen para home como para muller; o problema será que haxa poucas). O mesmo diríamos do chamado feminino "universal", que mesmamente encobre tantas veces a discriminación feminina, por non falarmos do absurdo de adxudicar culpabilidade feminina marcada gramaticalmente cando descoñecemos a autoría dun delito ou dun crime.

Parabéns, pois, á profesora Junyent e a todas as colaboradoras do volume.

Comentarios