xoves 06/05/21

Harmónico e cordial

A década de 90 do pasado século foi especialmente fecunda na adxectivación do substantivo “bilingüismo” por parte da literatura autonómica oficial e paraoficial. Inzou por toda a parte o cualificativo “harmónico”; ampliouse a “cordial” e mesmo a outros máis estrafalarios. Lembro, por exemplo, nunha memoria do proxecto de orzamentos da Xunta, a prédica a prol dun bilingüismo “froitoso”. Supuxemos que o autor de tal achado querería dicer “frutífero” e a máquina tradutora fixo o resto. Xa está máis que escrito e documentado: pasamos, historicamente, da condena do bilingüismo, se este supuña apertura á existencia doutra(s) lingua(s) da única recoñecida como tal e imposta como oficial, á súa entronización como solución opiácea ao conflito lingüístico, a base de estabilizar a hexemonía preexistente; no noso caso, o imperio do español e a admisión regulada e controlada do galego, sempre como complemento prescindíbel e nunca como elemento de substitución da lingua oficial do Estado. A conversión, pois, do tal bilingüismo nun ideoloxema de combate contra a normalización.

Vexamos, trinta anos despois, en que deu a aplicación oficial desta ideoloxía. Exemplo dos nosos días. Alumno de 2º curso da ESO dunha cidade galega. Once materias, entre obrigatorias e optativas. Enumero: “Lengua” (obsérvese a ecuación deste substantivo con “Español” ou “Castellano”; of course, é a “lengua” por antonomasia!); Lingua Galega; Tecnoloxía (en español); Educación Física (en inglés); Física e Química (en español); Xeografía e Historia (en español); Oratoria (en español); Inglés; Valores éticos (en galego); Música (en español); Francés. Será elocuente de seu esta relación de materias / idioma ou cumprirá ofender a intelixencia de quen ler engadindo algún comentario? Ula, a “harmonía”, onde a “cordialidade” para co galego nativo? Que utilidade se asociará ao galego con semellante posición marxinal?

Reparen os leitores deste diario. Francisco Rodríguez reférese no último artigo ao tema lingua. Marilar Aleixandre denuncia nun outro os efeitos nocivos do galego de máquina. Marta Da Costa ten comentado reiteradamente a inferiorización do galego no ensino. Marcos Maceira disecciona con mestría as falacias da política oficial. Non hai practicamente un só articulista deste diario que non teña mencionado o tema algunha vez. Carlos Lixó, en colaboración recente, incidía nalgo moi certo: a posesión de bon galego (e, por aquí, común co portugués) por parte de persoas vellas. Lembreime decontado de experiencias vividas por min: o uso do verbo “adoitar” ou de palabras como “funil”, “rexisto”, “billa”... por parte de persoas analfabetas ou con moi escasa lectoescritura.

Esta dupla constatación (a metalingüística constante e mais a conservación xenuína do idioma = analfabetismo, isto é, menor contaminación do español) non tería que levar ás e aos docentes de “Galego” a unha reviravolta completa da súa didáctica? Ás forzas sindicais operantes no ensino a unha propaganda activa de uso do galego como lingua vehicular e non só á denuncia da incuria oficial que nen sequer respeita a súa propria legalidade? A que agardamos?

comentarios