Opinión

Externalizar a historia

Se as miñas informacións son certas, imos pagar máis unha vez o noso estrañamento, a nosa proscrición. A Xunta e o Museo das Peregrinacións patrocinan un ciclo de conferencias organizadas pola asociación “Escritores con la Historia” que seica agrupa autores e historiadores españois dedicados a difundiren a historia de España, combinando esta coa ficción, para así chegaren a público masivo. O ciclo que terá Santiago de Compostela como protagonista titúlase “Santiago, historias de un Camino prodigioso” e contará con Isabel San Sebastián, autora de La Peregrina y de Las campanas de Santiago; Antonio Pérez Henares; Juan Eslava Galán e Emilio Lara. Boto en falta, como non, Arturo Pérez Reverte, Cayetana Álvarez de Toledo, Vargas Llosa e, por suposto, un ‘master’ ad hoc de Pablo Casado. 

O ciclo cobra todo o seu sentido pois é máis que sabido que a historia e a literatura galega non existen, e cómpre botar man de benéficos especialistas españois para que nos informen debidamente de como fomos e de como somos. Pouco importa que Ricardo Carvalho Calero ou Gonzalo Torrente Ballester escrebesen sobre Compostela e Rosalía de Castro; tanto ten que Francisco Rodríguez inclúa un longo capítulo sobre o percurso rosaliano en Santiago no seu Estranxeira na súa patria. A persoa e a obra de Rosalía de Castro de onte a hoxe (2011); ou que Mercedes Espiño estudase os Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro (2020), editado mesmamente polo Concello da cidade e a Asociación Cultural ‘O Galo’. Isto só por relembrar obras e autores que tiveron a ben unir o nome da capital galega ao da personalidade contemporánea máis ilustre que nela naceu. Se evocarmos outros nomes da historia e da cultura da Galiza, como esquecer as páxinas belísimas que a Santiago dedicou Ramón Otero Pedraio, tanto na súa xeografía e historia da Galiza como na ficción novelesca (Os camiños da vida; A romeiría de Gelmírez; O espello na serán...); como non reparar en Castelao; como obviar a representación artística dos Maside, dos Asorei, dos Luís Seoane, dos Eugenio Granell, dos Isaac Díaz Pardo... De tantas e tantos máis, porque os nomes mencionados son só flashes apontados a fume de carozo e sen pretensión nengunha de escolma significativa.

Non hai entre as galegas e os galegos de hoxe quen poida e saiba disertar sobre estas personalidades? Quen sexa capaz de explicar a historia verdadeira do papel de Santiago no Reino da Galiza? Haberá algún diplomata autonómico que teña a ocorrencia de informar os escritores españois arriba citados de en que nación están e con que historia? Haberá alguén do público que ouse indicarlles amabelmente que volten por onde viñeron e vaian cobrar diñeiros públicos do Estado a que serven, porque aquí non precisamos intérpretes que nos alienen e estranxeiricen aínda máis do que estamos? Ou é que acaso van vir gratis et amore?

Infórmome asemade lin esta noticia dunha relevante descoberta no impresionante templo de Santa Eulalia de Bóveda, moi perto da miña cidade natal, Lugo. Aínda non dispón de plan director. Así andamos. Desprezo do noso / adoración (pagada) do alleo.

Comentarios