mércores 05/05/21

Deter o nacionalismo ou deter a Galiza?

Un meu viciño (o mesmo que, hai anos, me deu a fotocopia do recibo “voluntario” do pagamento pro-Meirás que tivera que abonar un  antepasado seu) deume estes días un escrito que tiña gardado. Leva o marbete do “Partido Popular de Galicia. Manuel Fraga Iribarne. Presidente Rexional” e está datado en Maio de 2003. É unha carta dirixida a “Querida/o amiga/o” na campaña eleitoral das municipais daquel mes e ano. A exhortación a votar “ben” que o mandatario realiza baséase en que naqueles comicios non só se decidía o alcalde do concello senón tamén o goberno da Deputación. É neste ponto onde a mensaxe é máis clara e apremante: “Votar unha opción distinta á do Partido Popular, no concello, pode significar que o BNG goberne na Deputación Provincial”. Agradécese a clareza, por riba de calquer outra consideración. Cartas boca arriba. Un dos obxectivos explícitos é impedir que unha institución sexa gobernada polo BNG.

O seu sucesor na presidencia da Xunta, o actual, seica se atribúe, en declaracións a The Economist, a estabilidade política que proporcionou á Galiza, o seu “galeguismo” particular e a consecuencia de que o mesmo detivo o nacionalismo. Vexamos. Nestes días, e por enésima vez –só que de xeito multitudinario– volve repetirse, nas Canarias, o drama de miles de emigrantes africanos amoreados nun porto sen a menor capacidade nen posibilidade de estadía segura nen de permanencia duradoira. Na  radio pública española ouvimos as declaracións do sr. Torres, presidente canario e secretario xeral do PSOE nesta comunidade autónoma, como escoitamos as de varios ministros-as que até alí se deslocaron, para tratar de solucionar o problema ou, se o expresamos en descarnada versión anti-eufemística, para tapar un algo a vergoña de semellante concentración humana. O presidente de Canarias falou contundente e claramente en contra das decisións do goberno español, goberno do seu proprio partido. Tal cal outros presidentes autonómicos, e xa non digamos se pertencen a partidos diferentes do que domina o goberno español na actualidade. Na Galiza, o comportamento foi e é: aplauso e parabéns ao goberno de partido homónimo; obediencia á consigna partidista; ser máis papista que o Papa, isto é, cando toca españolear, que se note que o facemos mellor que ninguén.

O pavillón da pretensa ofensa á lingua oficial do Estado tivo nestes nosos representantes a mellor exhibición. Colonizados profundos, abofé (o Capitolio de La Habana, réplica do de Washington, ten o diámetro maior; o Coliseo tunecino ten máis fuste e aparencia que o de Roma). O problema non é que se “deteña” o nacionalismo: é que se detén a nación. É a Galiza a bloqueada, a terxiversada, a recluída nunha afonía inducida, a que, nunha reviravolta do máis perverso esperpento, no canto de mirar por si, se coloca na avangarda da defensa do opresor. Endexamais amo nengún podería soñar con servos-capataces tan entregados. Exemplos, a esgalla: lingua; financiamento; camiños de ferro; economía produtiva... Non desvendar este entreguismo suporía dalo por bon e inevitábel. O contrario de calquer política con ansia superadora da caricatura actual.

comentarios