Opinión

Dereitos... e deberes?

Coido que vivemos a respeito de nós, mulleres, un momento histórico de paradoxo extremo. Agudízase de forma brutal a violencia irreversíbel, con resultado de morte, por parte de quen se considera proprietario das vítimas e dono e señor da súa vida. Na fase actual do capitalismo, as discriminacións non só non diminuíron senón que se manteñen en toda a súa potencia: é a entraña do sistema, e todos os indicadores socioeconómicos continúan a ter rosto feminino. Ao lado disto, asistimos a unha protocolización do feminismo. Verbamente, nominalmente, demagoxicamente, xa fai parte do repertorio político que todas as forzas políticas din asumir. Non é novidade, mais, agora, desprégase con todo o seu poderío. Xa hai moitos anos, por estas datas, o sr. Fraga Iribarne, como presidente da Xunta, falaba, nun artigo ad hoc, da necesidade dunha “reforma estrutural” da sociedade. Nada menos! “Mans á obra!”, díxenlle eu. O seu sucesor en tal cargo infórmanos no presente de que o feminismo ha de inspirar a Galiza da próxima década e de que a igualdade sexa sinónimo de consenso (consenso, sobre que?: sintomática analoxía coa política lingüística: consenso para deixar que o problema deixe de o ser, por disolución, non por resolución?).

No noso mundo culturalmente próximo, desde a benemérita Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá de Olympe de Gouges, até a dos Dereitos Humanos, a doutrina legal e paralegal igualistarista non fixo máis que medrar, ao igual que, en aparente paradoxo, a segregación, a subordinación das mulleres non fixo máis que recruar, ao compás de novas necesidades e novas esixencias do proprio sistema. Nós, galegas e galegos, contamos cun exemplo preclaro de lucidez e de valentía na persoa de Rosalía de Castro, quen, tendo motivos máis que sobrados para referir o feminismo só a ela mesma, foi quen de falar pola maioría social feminina, de analisar con toda finura como o ser muller non é cego á nación, á clase social, á situación económica; por suposto, tampouco á diferente psicoloxía, no binomio feminino-masculino.

Dixen que temos un bon catálogo de dereitos recoñecidos. Dise que cómpre aplicalos, que isto é o que falta. Penso que máis ben é ao contrario. Se se concederen dereitos con tal de eles non se exerceren, que validade teñen? Non é acaso a realidade social e económica discriminatoria a que baleira de contido aquela declamación retórica de dereitos? Outrosí: toda declaración dun dereito leva aparellado o enunciado dun deber. Cal o deber das mulleres? En primeiro e egoísta lugar, mirar por elas mesmas, non agardaren a que a solución veña dun superior. Se hai “lobos” na agra, o noso primeiro deber será protexernos, non facernos máis vulnerábeis. En segundo lugar, asumir dereitos e deberes, en nome da autonomía moral recoñecida. Proclamar, narcisistamente, a nosa superioridade non sei, francamente, a que pode axudar, como non sexa á masaxe consoladora intra-grupo. En terceiro lugar, coido que cómpre, hoxe coma onte, cultivar a independencia, a necesidade de emancipación económica e, con ela, a psicolóxica, face a todas as modalidades de control e de posesión masculina (Continuará).

Comentarios