Opinión

Contravir o refrán?

Chamoume a atención a mudanza proposta por estudantes da Universidade de Vigo en virtude da cal adoptan esa denominación no canto de alumnos ou alumnas. A tal fin foi aprobada unha emenda no claustro. Como teño escasa confianza no valor simbólico-fetichista das palabras, en por elas só, quixen averiguar a argumentación do tal cambio (falo de pouca confianza no sentido de pensar, por exemplo, que se pode segregar igualmente alumnas por moito que se empregue a palabra “alumnado”; non é “sexista” o termo “alumnos”: será o comportamento material e social que exista detrás del). Valoran os proponentes da emenda que a condición de alumno é máis propria do ensino obrigatorio, en que se receben coñecementos dun profesor, mais que no bacharelato e no ensino universitario, existe maior autonomía, e o educando (esta palabra é miña) ten máis capacidade para investigar pola súa conta e para traballar fóra da aula. Así que o estudante cursaría estudos e o alumno recebería ensino.

É aquí onde me xurdiron todas as reservas. O termo “estudantes” coido que define perfeitamente a actividade realizada. Nunha medida, aliás, estudantes somos todos, independentemente da nosa idade e condición profisional, en téndomos vontade de aprender e de adqurir novos coñecementos ou destrezas.

Chámame a atención que os emendantes apelen á Real Academia Española e non citen, por exemplo, a semántica galega do verbo “aprender” co duplo significado de ensinar e de receber unha instrución (en francés “apprendre” posúe tamén esta duplicidade). Ora ben, o núcleo da cuestión é o seguinte.

Rematada a ESO ou, aínda, o bacaharelato, acaso se produce, por maxia ou fronteira cognitiva perfeitamente definida, algunha mudanza substancial que permita voar as-os estudantes por altas zonas de sabedoría ou competencia, ignoradas no nível inmediato anterior? É así o ensino? Máis ben coido que todo o contrario. Chegan ao bacharelato e mesmo á universidade en moitas ocasións sen o dominio de destrezas básicas, como a comprensión leitora, por exemplo. Xa non falemos dun universo vaporizado ou adoito diminuído como é o coñecemento sobre a súa propria terra nativa, en mínimos de xeografía, demografía, historia, arte, economía, literatura. Mínimos, digo (non teren idea de cal é, aproximada, a extensión da Galiza; a súa povoación actual; e un longo etcétera). Noutras palabras, chegadas-os ao bacharelato ou á universidade non é que lles conveña receberen instrución adecuada, é que a precisan imperiosamente, non sendo que pensemos que o labor da profesora ou do profesor se limite a supervisar o traballo que os alumnos fixeren, ben, regular ou mal. Unha especie de xestor de documentos, con capacidade represiva, iso si. A contravención de todas as evidencias. Un bon ou boa investigadora só se pode conseguir a base dunha paciente e perseverante acción formativa e auto-formativa de moitos anos. Neste itinerario, nunca sobrará a atención e orientación das e dos que precederon o aprendiz. Porque, insisto, aprendices, nunha dimensión ampla da palabra, somos todos. Ou, como lembra o refrán de noso: “Está a vella morrendo e está aprendendo”.

Comentarios