Opinión

Bandeiras

En artigo recente neste mesmo dixital, María Xosé Queizán realiza un exercicio de bandeirofobia que acompaña doutras consideracións directamente políticas que pasarei a comentar. Na realidade, o artigo reincide na vella tese da incompatibilidade de feminismo e nacionalismo galego. De que exista esta incompatibilidade entre aquel e o españolismo non se fala, polo que se pode inferir que o problema está en que o nacionalismo galego exista e se manifeste. A min cáusame asombro que, en pleno século XXI, se obvie que a Galiza é unha das poucas nacións do mundo que ten como símbolo maior non unha deusa, unha raíña, unha fada, unha guerreira, unha santa ou unha aristócrata... senón unha muller de carne e óso, de 48 anos de vida mortal. Estou a me referir, claro está, a Rosalía de Castro, capaz, coa súa obra, de inaugurar a modernidade galega, mais, se a cito, é mesmamente porque ela é xustamente a simbiose rechamante de patriotismo e de feminismo, e quen coñecer a súa produción toda non atopará máis que motivos para o confirmar. Con estas orixes, con este inicio histórico da contemporaneidade, con este aval preci(o)so, realmente sería ben estraño que a historia galega que a seguiu ignorase ou non valorase a continuidade dun labor onde ambas formas de conciencia e de actuación se dan a man.

Bandeiras. Como símbolos colectivos que son, reférense a realidades non só distintas senón, tantas veces, antagónicas. Na ditadura era a española a única admitida e imposta; a galega simplesmente era un delito: non existía, ou era clandestina ou rapidamente perseguida-eliminada. Por algo sería. No rexime actual, góstenos ou non, temos de conviver coa sobreexposición da bandeira española non só en institucións públicas senón, para maior alienación, en lugares privados que ostentan a fascinación polo fútbol español ou marcan a adhesión ao españolismo rampante anti-catalán. Mentres, a bandeira patriótica galega continúa reprimida até en embarcacións ou en estadios de fútbol. Por certo, esta bandeira non contén nengunha cruz vermella: é a estrela vermella de cinco pontas o seu distintivo, e supoño que será desnecesario lembrar que tal símbolo significa poder popular ou liberación nacional-popular. Se hai manifestantes que a portan nunha manifestación feminista, que se tenciona facer?: proscrebela, en cumplicidade con todos os poderes represivos do Estado español?; expulsala da convocatoria, colocando ben visíbel o rótulo RESERVADO O DEREITO DE ADMISIÓN? Farase o mesmo coa bandeira española republicana que, obviamente, non ten nada de galega nen de feminista? (a súa cor morada é herdeira do pendón de Castela, non, evidentemente, de nengunha outra referencia)? Se a propaganda feminista pretende alargar o seu campo de influencia e de adhesións, como se pode xustificar expulsar dunha manifestación unha parte de compatriotas que a secundan? Curioso conceito da democracia e da liberdade de expresión.

Bandeiras. Como símbolos colectivos que son, reférense a realidades non só distintas senón, tantas veces, antagónicas

 

Cáusame abraio que a autora se revolva indignada contra a bandeira catalá soberanista ou independentista. Tal é a posición do españolismo feroz, en calquera das súas versións, á dereita e á esquerda. Acaso Carme Forcadell, Dolors Bassa, Clara Ponsatí, Marta Rovira, Anna Gabriel...  –presas-exiliadas-  non son feministas convictas e confesas? Non é unha flagrante inxustiza a situación en que se atopan? Acusar a Catalunya, ás catalás e cataláns, de explotaren o traballo de miles de galegas e galegos alá emigrados supón ignorar o radical drama de por que estes nosos connacionais tiveron que saír do seu país, a Galiza, emigrar (emigración promovida polo proprio Estado español) e desangrar a súa terra de orixe. Tal pensamento (o “abuso” dos cataláns) é o que sempre alimentou e propagou o rancio españolismo de onte e de hoxe. De quen dependemos? A quen pagamos impostos? A quen lle interesa manter a subordinación galega?

As bandeiras, os himnos, as cancións... e moitos elementos culturais máis -tamén os símbolos feministas-  teñen detrás realidades referenciais. De cada quen de nós dependerá a escolla que facemos, a semántica a que nos afiliamos, a causa a que queremos contribuír. Eu, como galega, como feminista e como nacionalista, non vou calar as miñas opinións nen, moito menos, silenciar verdades históricas. O feminismo clásico parte de considerar a existencia dun conflito de xénero específico; o conflito (no seu sentido político e sociolóxico, claro está), a dicotomía Galiza / Estado español tamén existe. Cada unha de nós, cada un de nós, se de ambos hai conciencia, será libre de se posicionar nun ou noutro lugar. É o que acabo de facer con esta resposta. 

           

Comentarios