Opinión

De tácticas e estratexia

Son demasiados os desequilibrios simultáneos e as crises que se solapan como para non tomar en serio os cambios en curso. Refírome, Martxelo e Vicent, ao retroceso económico e político dos centros capitalistas no seu enfrontamento de fondo con China e co conxunto dos Estados situados na órbita dos Brics, ao recurso da guerra para asentar hexemonías e impedir o avance da multipolaridade, á conversión da Unión Europea nun actor irrelevante ao servizo dos Estados Unidos, ao estancamento económico que continúa desde a crise de 2008, e que Michael Roberts denominou de maneira adecuada "Gran Recesión", ou ás convulsións sociais nas periferias, mais tamén nos centros de todos os pobos e persoas derrotadas por ese eufemismo chamado globalización e que en sentido estrito debería ser cualificado como imperialismo.

As batallas políticas só se gañan cando existe a vontade de impugnar o proxecto ideolóxico do adversario

Os autores máis recoñecidos do "stablishment" non teñen dúbidas e comezan a revisar o seu relato para seguir ofrecendo un marco analítico que garanta os intereses das clases dominantes. Un exemplo disto ofrecéunolo a semana pasada na súa crónica do Financial Times Martin Wolf, quen afirmou con preocupación que "hoxe, como a principios do século XX, asistimos a enormes cambios no poder mundial, a crises económicas e á erosión de democracias fráxiles […] O capitalismo de mercado […] perdeu a súa capacidade de xerar aumentos de prosperidade amplamente compartidos", polo que é "esencial o Estado do benestar". O traballo do xornalista británico non é o único texto nesa orientación publicado nos últimos meses no Financial Times.

As batallas políticas, como demostraron no Estado español os comicios municipais do 28 de maio, só se gañan cando existe a vontade de impugnar o proxecto ideolóxico do adversario. Mentres a dereita fai gala da súa potencia de lume fixando os marcos e os temas de debate, a esquerda española continúa fiando o éxito da súa proposta política a unha suma de manobras tácticas cuxo percorrido remata o día despois do seguinte fracaso electoral.

Comentarios