Opinión

Por eses 25 + 2!

Referiámonos nestas páxinas ao número 500 de Sermos Galiza -semanario do que naceu Nós Diario- e ao décimo ano da empresa editora. Nesta ocasión, saudamos os 27 anos de Vilaweb, que esta semana inaugurou unha exposición que percorre os 25 anos do medio e que tivo que ser adiada pola situación de emerxencia sanitaria. Aplaudimos, e celebramos, o diario dixital máis antigo de Europa que segue a publicarse hoxe en día e, en especial, a Vicent Partal e a Assumpció Maresma.

Mais, sobre todo, ao falarmos de xornalismo independente, temos que agradecer o papel de todas e cada unha das persoas que o fan posíbel coas súas subscricións. Un modelo imprescindíbel para posibilitar o crecemento dos medios de comunicación propios nos Països Catalans, e tamén en Euskal Herria e na Galiza, e que nos permite actuar, con honestidade e con responsabilidade social, como instrumento de control de poder e en defensa dos intereses das respectivas nacións.

Esa aposta por un xornalismo íntegro, que non se prega ao que ditan os grupos de presión e os Gobernos, desenvolvémola no noso día a día nun contexto en que as regras do xogo non son as mesmas para todos, véxase o veto de Nós Diario nas axudas da Xunta á prensa escrita malia cumprir as condicións recollidas na convocatoria pública. E tamén o paquete de diñeiro público, de perto de 1,5 millóns, que destinou a Consellaría do agora presidente, Alfonso Rueda, de xaneiro a maio deste ano, para promover o Xacobeo en medios de comunicación españois, mesmo vulnerando a lexislación, pois estamos ante empresas xornalísticas que, na súa inmensa maioría, deturpan a toponimia da Galiza.

Precisamente, esta semana, coincidindo co Día das Letras Galegas -que xuntou milleiros de persoas, malia a chuvia, en Compostela, convocadas por Queremos Galego- o novo xefe do Executivo recuperou o discurso da "cordialidade lingüística", obviando que o idioma propio sofre un proceso de substitución lingüística a favor do español. Non nos sorprende a táctica de Rueda, pois en 2009, saíu á rúa coa entidade galegófoba Galicia Bilingüe, contra a "imposición del gallego". Unha falacia interesada, fabricada polo think tank do PP, que levou a aprobar un decreto que españolizou, aínda máis, o ensino.

En fin... que veñan moitos máis anos para os nosos medios, Vicent e Martxelo!

Comentarios