Opinión

Meirás como síntoma

A pasada terza feira, unha nova sentenza da Audiencia da Coruña volvía dar unha outra volta de torca ao proceso de recuperación do Pazo de Meirás (Sada) para o pobo galego. A resolución da instancia xudicial outorgaba nesta ocasión a titularidade dos bens situados no interior do inmóbel á familia Franco, malia que na escritura pública de compravenda da propiedade se sinalaba que “inclúe, segundo o acordado, todo cando dentro do edificio do Pazo das Torres de Meirás exista”. 

A maiores, o inventario dos bens móbeis realizado polo Goberno do Estado determina que unha parte dos mesmos son propiedade do Patrimonio Nacional e que outros proceden do espolio de institucións ou templos galegos, como as figuras de Abraham e Isaac, unhas pezas do século XII retiradas no seu día do Pórtico da Gloria da catedral de Compostela e que hoxe legalmente seguen a pertencer á familia do ditador.

A actitude dos Executivos español e galego certifica a incomodidade da memoria para os poderes públicos 

A resolución dos xulgados coruñeses é unha mostra máis da anomalía da política española. Á marxe de consideracións técnicas e xurídicas, e dos erros na formalización da reclamación formulada polo Estado, este auto avanza na liña do adiantado nunha sentenza da mesma xurisdición do mes de febreiro e que tenta fixar como verdade xurídica o relato historiográfico do franquismo, convertendo en vítimas o ditador e os seus herdeiros, cando estes se beneficiaron dos bens espoliados. A resolución evidencia tamén a calidade democrática do réxime político institucionalizado na Constitución de 1978, e que foi incapaz de rachar coa herdanza da ditadura e de camiñar no proceso de reparación das vítimas. 

A actitude dos Executivos español e galego certifica a incomodidade da memoria para os poderes públicos e confirma a natureza do réxime acordado após a morte de Franco, entre os seus herdeiros políticos e unha parte da oposición democrática. Un réxime resultado dunha mudanza coherente coas esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas e continuador dos eixos reitores das políticas do franquismo. As mesmas que visten toga para garantir o status quo.

Comentarios