Opinión

As galegas tamén somos emigrantes

As doenzas do colonialismo tardan séculos en atopar remedio. Son exemplos paradigmáticos da asignación de soberanías sen atender a razóns históricas e culturaisos casos de Ceuta, Melilla e do Sáhara. A continuidade da dependencia económica tradúcese no desmantelamento dos seus sistemas produtivos, na desigualdade social agravada, na sobreexplotación da man de obra -agudizada polos procesos de deslocalización-, e no empobrecemento das poboacións.

A emigración é sempre consecuencia da miseria. Foi a fame a que expulsou por centos de miles as galegas e galegos durante décadas camiño de América e de Europa. Somos netas e bisnetas de mulleres e homes que entraron sen papel ningún polos portos de Bos Aires ou de Montevideo. Os máis dos nosos ficaron aló para sempre e a maioría dos retornados fixérono pobres e sen maleta, para seguir sendo emigrantes, tamén sen papeis, esta vez nunha Europa desenvolvida que os ocupaba nos traballos que ninguén quería facer. Os marroquís e o resto de cidadáns do continente africano que agardan nas proximidades de Ceuta e Melilla a oportunidade de saltar a Europa en busca dunha vida digna non fan máis que repetir o que nós fixemos antes.

Antes de que Marrocos empregara nenos e mozos desesperados neste seu último litixio contra o Estado español ou de que Turquía se aproveitara das vítimas das guerras imperialista de Oriente na súa liorta coa UE, os Executivos españois, desde a I Restauración até o franquismo, botaron man da emigración galega para equilibrar a súa balanza de pagos. Nada novo na política do Goberno de Rabat e na resposta dos seus homólogos de Madrid, co mesmo muro, idéntico arame de espiño e similares concertinas que un día prometeron eliminar. E mentres tanto, as grandes empresas españolas, tamén galegas, continúan os seus negocios en Marrocos, as casas reais manteñen a súa sólida amizade e os emigrantes morren no valado ou cruzando o Estreito. 

Comentarios