Opinión

Feixoo, de mitin en mitin

O de Feixoo é unha indecencia. Cunha Galiza “ao límite”, o presidente da Xunta a tempo parcial vaise de campaña de partido. A pasada quinta feira, tras a rolda de prensa posterior á xuntanza semanal do seu Goberno, alertou da situación “límite” na que se atopan “moitos sectores estratéxicos” e, en canto rematou a comparecencia, continuou coa xira na que está centrado, desta vez, rumbo a Asturias e Cantabria, onde tiña programados actos no marco da campaña de elección do presidente estatal do PP.

Cun sector primario contra as cordas e, no caso do agro, en risco de desaparición -en palabras do conselleiro de Medio Rural-, cunha industria que perdeu máis de 33.000 postos de traballo desde que el é presidente, cuns salarios 10% por debaixo da media estatal e cunha Galiza que lidera o aumento da inflación, Feixoo preocúpase máis de facer de xefe da oposición a Pedro Sánchez que en exercer de cabeza do Executivo galego, labor polo que segue a cobrar.

Martxelo, Vicent, vimos recollendo nestas páxinas, ao longo deste tempo, exemplo do desleixo do presidente da Xunta. Xa non é que non reclamase ningunha transferencia de competencias desde 2009, ano en que chegou ao Goberno, senón que nin sequera exerce as que posúe. Dedícase a dicirlle a Sánchez o que ten que facer e el, ausente en San Caetano, non adopta medida ningunha para tratar de atallar a crise derivada da alza dos prezos.

Xa non se molesta en disimular. Gosta tanto da “liberdade” que quere volver vivir en Madrid. Nesta columna xa o advertiamos cando nos referiamos a que volvía “á casa”, e vén de admitilo el propio: “Madrid ama a liberdade, por iso quero voltar a vivir en Madrid”. Feixoo, un acomplexado, afirmou que a capital de España é “unha cidade acolledora, aberta”, un lugar “próspero”, como se a Galiza non fose nin acollera nin aberta. Próspera sabemos que non é, dadas as políticas antisociais e os recortes aplicados durante os seus mandatos, mais pode chegar a selo cun Executivo que acredite nas potencialidades dos sectores produtivos, hoxe afogados, e na capacidade de decisión.

Comentarios