Opinión

Familia, negocios e partido

Alberto Núñez Feixoo será nomeado hoxe presidente dos populares españois. O mandatario galego chega a esta responsabilidade apoiado polos diferentes baróns do partido e de maneira moi particular pola presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. Precisamente, o intento de Pablo Casado por aclarar os presuntos casos de corrupción da familia Ayuso foi o detonante que provocou a súa caída e o ascenso de Feixoo.

As dúbidas sobre os negocios do irmán da mandataria madrileña, Tomás Díaz Ayuso, veñen de atrás. O Goberno da Comunidade de Madrid recoñeceu que se beneficiara dun contrato de 1,5 millóns en máscaras sanitarias polas que recibiu unha comisión de 283.000 euros. Ao tempo, confirmou diversas adxudicacións de órganos dependentes do Executivo madrileño, como hospitais públicos, a quen forneceu diferentes materiais, algúns deles sen vinculación coa sanidade.

A área de actuación das empresas ligadas á familia Ayuso chega á Galiza. Na sexta feira Nós Diario desvelou en exclusiva que a Xunta adxudicou en plena pandemia, abril de 2020, mediante un procedemento negociado sen publicidade un contrato de 298.265 euros a Proyectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa), da que é administrador único Juan Carlos Herrero Casasola, cofundador de Sismedica SL, mercantil da que Isabel Díaz Ayuso manifesta ter o 50% na súa última declaración de bens patrimoniais na Asemblea de Madrid e da que o seu irmán é administrador único. Ao tempo, Casasola é propietario da empresa MC Infortécnica SL, de cuxo capital fai parte a nai da presidente madrileña.

E, escribindo sobre irmáns, o PP vén de negarse a aclarar os contratos do Goberno galego coa Empresa Eulen, da que é delegada para o norte do Estado Micaela Núñez Feixoo (irmá do xefe do Executivo galego). As contratacións da Xunta con esta compañía de servizos disparáronse tras a achegada á presidencia de Feixoo.

O mandatario galego e a presidenta madrileña non só partillan partido, proxecto ideolóxico e unha mesma consideración da ética. O un e a outra pensan que a familia é o máis importante. En definitiva, son negocios.


 

Comentarios