Opinión

O diñeiro, para Madrid

Os datos non deixan lugar a dúbidas: O informe do Ministerio de Facenda sobre a distribución territorial do investimento do sector público de 2021 certifica que Madrid foi a comunidade máis favorecida polo Goberno do Estado nesa anualidade, pois recibiu dos fondos públicos 2.086 millóns de euros, é dicir, 92 millóns de euros máis dos previstos nas contas de 2021. A voracidade investidora en Madrid contrasta coas contías destinadas a outros territorios, fechando a táboa en canto a orzamento executado Catalunya, benquerido Vicent, e rexistrando a Galiza un investimento real de 533 millóns de euros, 260 millóns de euros menos do comprometido nas contas de 2021.

A decisión de favorecer a Madrid nas contas do Estado non responde a criterios conxunturais. Ademais de ser a tendencia dos últimos anos, estes criterios de gasto responden a un deseño ligado ao modelo de organización territorial, que tenta reforzar a capital do Estado como centro do poder político e económico.

Trátase dun proxecto partillado polo aparato do Estado, polas súas terminais políticas e polo poder económico, beneficiado por unha distribución que beneficia aqueles conglomerados empresariais radicados en Madrid. Así o certifica o relatorio "Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal", do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas, ao que xa nos temos referido nestas páxinas.

A lóxica do investimento estatal e, en definitiva, do seu modelo de articulación territorial responde a un esquema que vén de séculos atrás, que se agudiza no século XVIII coa chegada ao trono de España dos monarcas da Casa de Borbón e que aceleran os liberais nas décadas centrais e finais do século XIX. A situación de Madrid non se explica sen os beneficios da capitalidade, que a sitúa como núcleo de comunicacións terrestres, aéreas e por camiños de ferro, posibilita a concentración das institucións públicas no seu territorio e aumenta a súa capacidade para subtraer capital de todo o espazo peninsular.

Comentarios