Opinión

De antidisturbios, fascismo e machismo

Entre a guerra de Ucraína, a crise económica e a viraxe do Goberno de Sánchez a respecto do Sáhara coouse unha información que volve evidenciar a podremia das forzas e corpos de seguridade do Estado. As palabras de Estíbaliz Palma, a recentemente cesada comisaria xefa da Policía española de Pontevedra, resultan tan vomitivas como esclarecedoras do que representa o réxime do 78. Vicent, referíndose aos feitos que decorreron ao redor do referendo do 1 de outubro no teu país, Estíbaliz Palma expresou, no marco dunha homenaxe a un axente antidisturbios do citado corpo: "Houbo 48 horas en que parecía que a Policía Nacional se transformara e, de súpeto, violaba, maltrataba e non sei que cantas cousas facía máis, que xa lles gustaría a algunhas que as violase un UIP". A continuación soaron risas. Moitas. E un: "¡Ey, corta eso!".

Con "algunhas" referíase ás independentistas catalás, discriminadas por partida dupla: por seren mulleres e por seren catalás. Outro exemplo do "A por ellos". E antes da aberración proferida, Palma explicara que cando tivo lugar o 1-O era comisaria en Pozuelo de Alarcón, unha "praza nacional, non republicana. Ou sexa, era un ámbito estupendo cando dabas unha charla". Unha xerga propia das forzas e corpos de seguridade do Estado español que destilan fascismo. Martxelo, ti mellor que ninguén coñece as barbaridades acometidas pola Policía neste posfranquismo no que vivimos.

En canto oín as palabras desta señora pensei nas mulleres maltratadas. Imaxinades un espécime como este atendendo unha vítima da violencia machista? Como vai asesorar e apoiar a Policía as mulleres que sofren malos tratos a man das súas parellas, ex parellas ou acosadores con semellante ideoloxía? Poñen o raposo a coidar das galiñas.

O patriarcado aliméntase cada día con condutas como a desta señora, a quen se lle presupón responsabilidade, e segue engordando cada vez máis. Neste contexto, teñen lugar mortes como a da veciña de Barro (comarca de Pontevedra) de 29 anos, logo de que o home que a acosaba desde había anos fixese colidir brutalmente o seu coche contra o da muller. Daqueles pos veñen estas lamas.

Comentarios