martes 24/11/20

Se aínda somos galegas...

A discriminación das linguas das nacións sen Estado en relación co español fai parte da mesma natureza do réxime político institucionalizado após a morte de Franco. Os lexisladores de 1978 non dubidaron en estabelecer un status diferente para cada un dos idiomas, fixando na literalidade da norma constitucional un trato asimétrico para eles que o Tribunal Constitucional foi interpretando ao longo do tempo nun sentido favorábel ao español. En 1986 este órgano non dubidou en dar a razón ao delegado do Goberno do PSOE na Galiza e presidente da Real Academia Galega, Domingo García-Sabell, negando a obrigatoriedade do deber de coñecer o galego.

A desigualdade estrutural da lingua propia da Galiza en relación co español viuse favorecida polas políticas do PP na Xunta. Así o evidencian os datos sobre o retroceso do idioma e da perda de falantes nos últimos anos. O Instituto Galego de Estatística (IGE) advirte de que o 24% das galegas e galegos menores de 15 anos non falan nin escriben na lingua propia.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) advirte de que o 24% das galegas e galegos menores de 15 anos non falan nin escriben na lingua propia.

A preocupación pola situación do idioma e polas orientacións nesta materia do Goberno galego levou o Consello de Europa a denunciar a política lingüística da Xunta da Galiza, instándoa eliminar “as limitacións ao ensino do galego na Galiza”. Porén, a Feixoo preocúpalle a saúde do español, de aí que dedicase boa parte da artillaría pesada nos últimos tempos a denunciar as políticas de “imposición” das linguas das nacións sen Estado.

O discurso do PP é coherente coa ideoloxía ao servizo dunha determinada concepción de España. O obxectivo é impedir procesos de dinamización e restauración de usos dos idiomas que non son o español, nos seus respectivos territorios. Sabe que a maior conciencia lingüística, maior conciencia de nación, isto é, maior conciencia de sermos galegas. Xa o dicía Castelao: “Se aínda somos galegas e por obra e graza do idioma”.

comentarios