xoves 15/04/21

Saberes privados

Non estou a falar de intimidade. Desas cousas que só sabemos nós, ou que compartimos con algunha persoa de confianza. Tampouco deses segredos que ás veces nos producen un certo sentimento de vergoña. Con iso de “saberes” refírome ao coñecemento, á ciencia, á mazá envelenada da filosofía e até á mazá podre da política. Hoxe o coñecemento é privado. Os libros son produtos, os congresos custan cartos. Nunha época na que a información é tan inmensa, tan facilmente accesíbel e está tan electronizada, os saberes son privados. Chamádelle mercantilización, egocentrismo (ou amor propio, dependendo de a quen se lle pregunte) das persoas que tanto se esforzaron por acadar un coñecemento tan profundo e específico sobre unha materia que non están dispostas a devolverllo de forma gratuíta á comunidade, ou chamádelle se queredes crueldade do consumo. Chamádelle capitalismo, progreso, elitismo. O que vos pete. O que importa é que, mesmo cando a información é pública, o coñecemento non o é.

Nos sistemas capitalistas cando algo é público e (máis ou menos) gratuíto acaba por estenderse a idea de que non é exclusivo

Por sorte, nesa crueldade da ignorancia imposta aínda hai moitos Estados que avogan pola educación pública e (máis ou menos) gratuíta. Hoxe en día, nesta nosa realidade galega o “normal” é que todas as persoas poidan ter a oportunidade de, por exemplo, ir á universidade. Enténdese que, en teoría, se non se vai é porque non se quere. E iso está moi ben, non? No papel está moi ben. O que acontece é que moitas veces, por razóns non sei se intrínsecas ao ser humano ou de natureza extraterrestre, nos sistemas capitalistas cando algo é público e (máis ou menos) gratuíto acaba por estenderse a idea de que non é exclusivo. E se non é exclusivo será porque tan bo non debe ser. E entón xorde a necesidade imperiosa de atinxir a exclusividade. Si, as vosas sospeitas van polo bo camiño: exclusivo significa caro. Canto máis caro, máis exclusivo. Canto máis exclusivo, mellor.

Nesa procura incesante de posuír o mellor (repito: o máis caro) é onde comeza a funcionar a maquinaria invisíbel para espallar a pandemia dos saberes privados. A vía máis sinxela é a de comezar a cobrar polo que era gratis. O que acontece é que por veces iso non dá boa imaxe, fundamentalmente naqueles ámbitos nos que aínda queda un pouco de ética ou conciencia social. Entón o que se fai é fomentar a concorrencia de dúas ou máis opcións para unha mesma necesidade. Competitividade inocente. A expresión máxima da liberdade. Un exemplo témolo na sanidade privada: é utilizada por quen quere/pode utilizala. E, por absurdo que pareza que unha persoa libremente poida decidir pagar por aquilo que pode ter “gratis”, o negocio funciona. Funciona porque é exclusivo. E, como é exclusivo, tamén é mellor. O mecanismo é bastante simple: ofreces cousas que non ofrece a opción gratuíta (ou polo menos estendes a idea de que o fas), e gastas cartos en publicidade. Por último, e máis importante, para saciar a túa ambición só tes que ter unha man amiga na Administración pública que mova os fíos para que o sistema público funcione (maxicamente, non por ineptitude) cada vez peor. E entón á idea de exclusividade súmanse outras tamén esenciais como a do medo, a présa imposta, o descoñecemento, e tantas outras que non vos custará moito imaxinar.

O que polo momento está nas nosas mans é loitar por que a educación non acabe por se converter nunha Sociedade Limitada

Na Galiza, aínda temos un ámbito que non está moi estragado pola pandemia dos saberes privados. A universidade. Non falarei de bolsas, dos prezos dos mestrados, das taxas ou de todos os problemas que actualmente asoballan o noso sistema universitario. O caso é que para o substantivo “universidade”, na Galiza, o común aínda é o adxectivo “pública”. Soa pouco exclusivo, non? Pois xa sabedes como funciona a cousa: non é preciso explicar as noticias dos últimos días. Haberá pronto unha universidade privada, exclusiva, de suposta mellor calidade. E haberá actores que entren no xogo para vender a idea de que talvez sexa mellor pagar un chisquiño máis polo mesmo servizo. En nome da liberdade! Ou é que vos van obrigar? A maquinaria é coñecida. Evitar que se poña a funcionar vai ser case imposíbel. O que polo momento está nas nosas mans é loitar por que a educación non acabe por se converter nunha Sociedade Limitada.

comentarios