Opinión

Tui, hai cen anos

Non é tan doado imaxinar Tui hai cen anos, darlle vida a tantas casas hoxe abandonadas e apuntaladas co desexo de que non veñan abaixo, a balcóns con roupa tendida cara ao río, ao Miño e os pescadores trazando unha fronteira, aos afogados dunha banda e da outra vivos nos relatos. É difícil enchermos as rúas de homes serios de a cabalo que veñen á cidade para os preitos, de lavandeiras donas do equilibrio con cestos de roupa na cabeza e mans soltas, de leiteiras, das equilibristas coa verdura, de toucas sinuosas que marcan diferenzas entre as freiras, da brancura da cofia das novizas, da alegría das mozas bordadoras, das obreiras da fábrica de galletas “La Peninsular”, dos burriños fariñotes que non andaban despistados polas rúas. Seguro que a xente máis nova non pode comprender na mesma dimensión, antes da palabra eurocidade, o tráfico comercial entre as fronteiras de peixe, teas ou fariña, dos alambiques portugueses que atravesaban a ponte polo outono para faceren a augardente. Poida que despois da pandemia sexa mái doado imaxinar a fronteira fechada pola cólera. Tui episcopal, militar a navegar o Miño, cidade burocrática de avogados, procuradores, das tertulias e das discordias que viñan do XIX entre os do Casino e os do Recreo Artístico, nas xornalísticas de lingua afiada e satírica fronte á obsesión pola verdade sen discusión. Tui de obreiros agricultores.

Difícil crearmos un filme na cabeza cunha realidade de hai cen anos cando imperaba o asociacionismo, o vínculo e a irmandade entre quen defendía dignidade no traballo e educación para ser máis libres. Difícil imaxinar a grandeza do Teatro Principal respirando debate, cultura e defensa da humanidade; centro neurálxico revolucionario do país na defensa da lingua galega en público e por vez primeira, naquel 1891 en que se organizaron do 24 ao 26 de xuño os primeiros Xogos Florais, coa conciencia clara de estarmos en Galiza e co desexo de prosperidade e engrandecemento do país, obxectivo tamén da Xunta Rexionalista tudense; esa ruína, foi teatro e cine, é ferida aberta, profunda, cicatriz imposíbel, cando custa aceptar as súas paredes inanimadas.

Foi o Teatro Principal a sede do Congreso Agrario Rexional de Tui que se celebrou, hai xusto cen anos, do 28 ao 30 de xullo de 1922, poden ler a crónica do sucedido no xornal Galicia de Vigo, cuxo primeiro número tamén saiu o 25 de xullo dese mesmo ano. No congreso participaron 112 representantes das 124 sociedades agrarias existentes, con case 50.000 membros. Enrique Jaso, presidente da Federación de Tui leu os acordos do congreso, entre eles: “que se retire a discusión do Parlamento do proxecto da redención dos foros, posto que este congreso aprobou a abolición”. A negativa a pagar os foros provocou demandas xudicias de quen tiña a terra, embargos de bens de quen a traballaba, e manifestacións de protestas como a do 28 de novembro dese ano en Sobredo.

Hai un camiño que nos leva desde a memoria do Teatro Principal de Tui até o Campo dos Mártires en Sobredo, onde a veciñanza da contorna de Tui é símbolo de solidariedade, símbolo actual da necesidade do vínculo que urxe crear para a defensa da explotación sostíbel da terra, do mar, do ar, contra o lume do capital. Abrimos o camiño até Sobredo, o 30 de xullo, ás 8.30, desde o Teatro Principal, terá que ser andado, agardámosvos.

Comentarios