Opinión

O tren das Tanxugueiras

A miña tía Carme montou no tren en Guillarei para ir a Suíza, viaxou con medo e co desexo de mellorar a vida. Sei da súa primeira volta en tren pola beira do Miño, a emoción da paisaxe que te vai metendo no lar. Para min era a mellor maneira de regresar de Alemaña; ver desde o tren a catedral de Tui, a veiga, emociona. Na viaxe pensaba en Andrés Dobarro, na verdade dunha canción, na miña tía, en toda a emigración a Europa e no tren; pensaba na descuberta da existencia dun país fóra dese país, na súa re-construción desde o exterior. O tren que me leva pola beira do Miño e Andrés Dobarro simbolizan esa re-construción, a dunha comunidade que se quere, que ten autoestima e que se identifica coa lingua da canción. Encantoume que Siniestro Total subira nese tren. Na miña infancia e no franquismo Andrés Dobarro cantaba en galego nas radios de medio mundo, a súa música atravesou moitas fronteiras como a emigración, coa súa lingua, alentando na casa do seu corpo.

En 1987 o grupo Milladoiro recibe o Goya pola música da película La mitad del cielo, hai alegría no país, celébrase o recoñecemento a un traballo e, sobre todo, a nosa identidade. A candidatura xa fora unha festa, como o premio, mais precisamente como identidade, como pobo, sentimos a indignación cando Carmelo Bernaola, na cerimonia de entrega, foi incapaz de pronunciar o nome do grupo. Antón Seoane recolleu o premio, a nosa dignidade nas súas breves palabras, non merecían máis.

En 2003 Urban Trad representou a Bélxica no Festival de Eurovisión, unha das voces da banda era Verónica Codesal, filla de emigrantes de Guitiriz, moi activa na plataforma Nunca Máis en Bruxelas. Chegou a dicirse que polo medio da canción, Sanomi, se identificaba: Nunca Máis. A noite do festival o meu amigo Albor e mais eu votamos varias veces pola primeira galega que nos representaba. O xurado de España deulle 12 puntos. No recente Benidorm Fest díxose que Bélxica se presentara unha vez a Eurovisión cunha lingua inventada, era Sanomi. A(s) lingua(s) foi/foron moi protagonistas neste Fest. "Sempre a lingua foi compañeira do imperio", lese na gramática de Nebrija (1492). O imperio pide papas diante doutro que considera superior, o inglés.
No ano 2011 Lucía Pérez remata a súa actuación no festival de Eurovisión con "moitas gracias", a identidade tímida está en escena, mais está.

No ano 2022, no Benidorm Fest, Inés Hernand quixo falar galego, mudoulle a letra ao escudo de Castelao e dixo algo así como: "Denantes mortas que sencillas", que manifesta o machismo da canción da nena María Isabel e da que representará a España en Eurovisión, esa contra a que se educa. Facémoslles un retrouso ás dúas letras co San Antón de Rosalía de Castro.
A situación da lingua galega non depende da TVE. TODO depende da actuación do Goberno galego, responsábel do apoderamento social da lingua, dos medios públicos galegos e da situación da lingua no ensino (sen o imperio do inglés). De nada serve o barullo sen acción.

As Tanxugueiras cantan ben e saben estar aínda mellor, teñen o testemuño da dignidade. Con Terra van no tren de Andrés Dobarro, na alma de Pucho Boedo, nos cantares e nas follas novas, na leilía de tantas pandeiretas, coa lingua non teñen fronteiras.

Comentarios