Opinión

Ten a memoria as chaves do tempo?

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), da que ti es socia de honra, querida Luísa, organizou unha festa no teu aniversario este 15 de xullo; naciches en 1957, Rosalía de Castro falecera nese mesmo día e mes, en 1885. Ademais a túa morte prodúcese coa ferida aberta pola morte de Xela Arias. Ningunha das tres chegou aos cincuenta.

Xela e mais ti, Luísa, nunca seredes vellas. A crueldade da morte fere, a quen ben vos quixo. Non andou máis o voso tempo e xa non acompaña o noso. A beleza detida nos vosos retratos é, se cadra, máis cruel.

Acudimos á chamada da ACAB, á Coruña e a un guateque, nunha discoteca subterránea situada no soto do Círculo de Artesáns, que seica non mudou nada desde que ti tiñas vinte anos. Explican que do teu libro de relatos, Siléncio, ensaiamos, saíu a inspiración para o encontro: Silencio, festexamos. A publicación do libro foi en 1991 e na editorial Vía láctea, nun momento en que había un compromiso coa lingua, coa literatura e co país, hoxe difícil de facer entender, como se ademais de escribirmos nunha lingua estranxeira, nos sitúen nun lugar que non nos corresponde, no estranxeiro.

Isto é máis difícil de explicar que o significado, tamén o subterráneo, da palabra guateque. No soto rabuñamos na memoria para te traer de volta. Será ela quen posúe as chaves do tempo coas que nos poidamos achegar ao país que compartimos? Persoas que te coñeceron falaron coas que só te puideron ler e tamén coas máis novas que procuran os libros publicados en editoriais que xa non existen ou que xa non te poderán reeditar. Tratouse de apartar as sucias mans de Manuel Antonio, agora, trátase de ti, Luísa Villalta.

Puxeron a música Alberto Pombo e Lucía Aldao; el achegou a parte de investigación, a da poesía cantada en galego polo mundo, moito che ía agradar; Aldao fíxonos un combinado para bailarmos con todos os estilos musicais, desde os anos setenta até hoxe, unha maridanza perfecta, entre o baile na verbena e na disco. Gozamos e foi bo para o corpo, diso se trataba. A ACAB que leva varios anos traballando para que a RAG che dedicara o Día das Letras Galegas, ao saber que serás a autora homenaxeada no 2024, decidiu celebrar este feito co sesenta e seis aniversario do teu nacemento.

Estou en Zamora e hoxe coñecín a Tina, ten noventa anos e fusiláronlle o pai cando tiña tres. As pernas non lle van ben, mais sente que a súa cabeza ten vinte anos. Falamos de como esquecemos o primeiro tempo no mundo, xa cando somos crianzas; de como de vellas moito se recorda da vida e case non hai a quen lla contar, como o pasado pousa e o máis recente se borra como cando se é crianza. Falamos de que o relato da memoria colectiva non se constrúe coa suma das memorias individuais; que o relato da historia foxe da memoria e do individuo, que obedece para se converter en canónico.

Polas rúas andan a cidade da alma de Claudio Rodríguez e as oracións do camiñante León Felipe, no Museo Baltasar Lobo testemúñase o diálogo do zamorano con Laxeiro e Colmeiro, coa publicación na editorial Monte Medulio en París en 1954 de Poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal y Curros Enríquez. Ando e penso en concreto no papagaio da túa cidade. A memoria só existe cando se fala e cando se pode contar. O don da lingua ten as chaves do tempo. Tamén para escribir Abaixo as ditaduras!

Comentarios