domingo 25/10/20

Os rostos da biblioteca

A biblioteca en que descubrimos mundos, vívenos sempre dentro. Na miña vida hai unhas cantas. Impresionantes algunhas, semellaban gardar a polifonía do planeta, como a biblioteca da Universidade de Tréveris, de onde saías coa sensación de que podías atopalo todo. Nela ficaron depositados todos os libros que formaran parte do Galicien Zentrum, onde aprendiamos do país, traduciamos poemas ao alemán, enredabamos a aquela mocidade que acudía aos nosos seminarios en palabras novas dunha vella lingua para lles mostrar a existencia dunha identidade que pouco coñecían ou da que nada sabían. Lembro a emoción de Natahalie Grischkat, bolseira colaboradora na elaboración do catálogo do Galicien Zentrum, ao chegarmos a Cangas, despois de atravesarmos a ría de Vigo cunha néboa cada vez máis mesta e encontrar por fortuna a Bernardino Graña, a quen recoñeceu pola fotografía no primeiro libro que catalogou. Nin que dicir ten, que o rosto fantasmagórico inicial do poeta do mar mudou cun sorriso iluminado e feliz: a estudante alemá sabía dos mariñeiros de Cangas e da vila polos seus poemas.

A literatura fai país, con ela gozamos e dá de comer a moitas persoas, son un investimento económico no futuro, antes e agora. Cando regresei ao mundo do ensino medio tiven moita sorte en ter como destino o Instituto San Paio de Tui, por moitas razóns. Alí está a biblioteca en que fun máis feliz aprendendo a ler e deixándome aprender. Un lugar en que chegabas un día á semana cunha clase enteira e ías propoñendo un libro para cada alumno e alumna, nun traballo previo, contáranche do que lles gustaba e querían atopar nunha lectura ou do que lles daba igual, cando che dicían que ler non era o seu. Daquela constatei para cada persoa hai moitos libros. Hai moitas persoas e vidas diferentes, moitos libros para contalas e vivilas.

Era feliz cando o alumnado comentaba das súas lecturas, dos seus descubrimentos, cando me recomendaba libros que eu aínda non lera. Cando ían escribindo nos seus cadernos de lectura, despois dos datos bibliográficos, as súas críticas e opinións e como de cada relato nacía outro relato. Neses cadernos de lectura en galego escribían de todas as lecturas que facían noutras linguas e materias, tamén de libros obrigatorios dos que podían falar con toda liberdade, vese co paso do tempo unha etapa que só a elas e a eles lles pertence. Neles está o que estimo mellor da miña profesión, ese diálogo en que as dúas partes aprendiamos tanto. Tamén hai para cada persoa moitos libros que non gustan.

É unha tortura a lectura dun libro obrigatorio, e peor aínda o “control de lectura”. Non participo do asasinato de lectores e lectoras, na pena de morte da lectura. Teño confianza no alumnado cando aprende a ler e valoro o seu criterio e o seu tempo como lector, lectora. Parabéns a todas as persoas que forman parte dunha gran biblioteca escolar, a do San Paio, especialmente a Belen Romero e a Lores, polo entusiasmo compartido. Visitarei o novo espazo, feliz como o primeiro día. Sorte para o alumnado novo que descubriu dentro dunha maleta o seu rosto, o rosto co que poderá elixir moitos libros.

comentarios