Opinión

Rodamos: desde o corazón de Compostela

Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, na presentación da candidatura integrada por persoas que van desenvolver moi ben o seu papel, anunciou a rodaxe dun filme dirixido por Alfonso Zarauza, que fecha a lista electoral. O peor é resignarse, a primeira idea importante que debe prevalecer no guión é esa: non teñen que gobernar os de sempre. A mensaxe dunha candidata ten que lle dar valor ao voto, ás persoas que deciden; comunicar que sabe que é o pobo quen lle vai outorgar o deber de gobernar, de atender e coidar da cidade en que se vive, de administrar os orzamentos, de traballar para o ben común.

Sanmartín nomeou tres pés sobre os que asentar o traballo político para o goberno: honestidade, transparencia e participación democrática. Trípode que desde o corazón de Compostela, debe rodar polo país. Unha cidade amada polas persoas que viven e traballan aquí, que lle dan a man, mostrando o propio, sen perder a identidade, á quen vén de fóra. Unha Compostela renovada: capital verde europea, con alternativas para a mocidade, con calidade de vida e lecer para a rapazada e as maiores, feminista e vangarda cultural.

O filme contará a transformación da cidade, que xa se está dando desde as maneiras de se dirixir á veciñanza con todo o respecto, a asunción da responsabilidade e da obriga dunha candidata á alcaldía, que sabe que é o pobo quen deposita nela a confianza. Para esta transformación, un equipo de persoas con coherencia que desde a súa actividade defende: o coidado, a sanidade, a potencialidade do comercio local, o camiñar, a bici e o transporte público coa cabeza nas aldeas e na cidade como un contínuun, o aparcamento con sentido, a vitalidade de cada parroquia, darlle vida aos edificios abandonados para non baleirarmos Compostela, unha oportunidade para a danza cun conservatorio, para a un museo vivo da fotografía, os necesarios centros de día, os comedores nos colexios, a política da conciliación, unha cidade en que todas as persoas sexan libres con cadansúa diversidade. Un goberno municipal en diálogo consonte con todos os colectivos e asociacións para garantir a honestidade, a transparencia e a participación democrática.

Mudaron as formas e a candidata foi presentada desde o mundo do afecto e do privado: Mariña, a afillada e intérprete de óboe; Samuel, o sobriño e pai da nena Xulia; Andrea Nunes, a poeta, alumna e amiga; Carme e Pilar, mestras, alumnas do cuarto ciclo e membras do club de lectura que leva Goretti, e Ruben Cela que a coñece como a incansábel traballadora. Falouse desde o comportamento no mundo do privado, xa sabemos que o privado é público, para poñermos en valor os comportamentos que moven e mudan o mundo: a xenerosidade, o coidado, o amor, a intelixencia e o traballo infátigábel, que caracterizan a Goretti.

Lembro cando comezaron a mudar as formas. Recordei o falar pausado de Yoya candidata á alcaldía de Tui polo BNG, nunca perdeu os nervios e estaba soa entre señoros; veume á cabeza a sororidade de Ana Gandón en Vigo, a habilidade  de Rosana na candidatura da Pobra do Caramiñal, antes dos noventa, a firmeza da voz no Parlamento. Lembrei moitos obstáculos para chegarmos ao BNG con Ana Pontón. Celebro estas formas que veñen do interior das casas, desde a cabeza. Celebro a Carmen Núñez en Tui, a Goretti en Compostela.

Comentarios