Opinión

Rocío e a fama

A historia da vida privada está chea de pés con grillóns que non contan, anacos de texto amputado, para a construción dos outros. O campo semántico do terror, privado e palabra de muller, aínda está a se construír; "maltrato" é unha palabra co tempo suficiente entre nós para que cicatrice na lingua. É importante que Rocío Carrasco fale, que fale vestida como lle dá a gana, luminosa e con escote, presentada como unha ave fénix que renace, peiteada como lle dá a gana, aínda que haxa quen lembre nesta posta en escena a imaxe de Lisbeth Salander, protagonista da saga que se iniciou con Os homes que non amaban ás mulleres. Lembro a lectura do primeiro libro de Stieg Larsson, antes de se converter en filme: ficción, cunha importante e poderosa protagonista. Aínda que o documental Rocío, contar la verdad para seguir viva fose ficción, tamén tería unha protagonista poderosa; aínda que nel falase unha actriz que interpretase a personaxe de Rocío Carrasco, que cobrase diñeiro polo seu traballo, esta historia sería necesaria; aínda que Rocío Carrasco cobre cartos por falar da súa propia vida, aínda que a venda en exclusiva, a súa testemuña paréceme necesaría. Aínda que sexa Rocío Carrasco ou, precisamente, por ser Rocío Carrasco. Falamos de sobrevivir.

Nos primeiros capítulos sublíñase o valor da palabra, a voz. É importante que o documental se inicie con anacos de "programas" en que Rocío Carrasco é xulgada; focalízase a ollada nesa sociedade do espectáculo, na fama como aspiración de vida, como profesión, que conta, opina e sentencia que Rocío é unha "mala madre". Nada pode salvar a unha mala madre, nada pode negar a beatificación dun santísimo pai, que é aplaudido, galeado, cando di que a responsabilidade de nai nunca chegou a ela. Seguen os aplausos cando di que se ela non quere ver que apague a televisión, máis caluroso o aplauso, cando ameaza que se nomea os seus fillos, o vai encontrar. Asistimos a anulación pública da muller e á construción pública do outro, un verdadeiro emprendedor, gañador, o pai.

Por que Rocío Carrasco tardou tantos anos en falar? Esta é a cuestión fundamental. O documental ofécenos as imaxes dunha moza de 17 anos, xa maltratada moi cedo, coma tantas; ofrécenos todo o proceso desde o inicio, co insulto sobre a súa imaxe física, sobre a súa insignificancia intelectual, que a converte nunha persoa que non vale nada. Seguen as agresións físicas. Todo bloquea, ela é culpábel de todas as desgrazas del. Sente vergoña, como vai contar o que lle pasa, xustifica o que el conta. Os grillóns da sociedade patriarcal están aí. Un proceso que a fecha na súa casa, anulada, bloqueada, muda, mentres el gaña. Mentres el arrebata filla e fillo no espazo público. Hai tantas adolescentes, tantas malas nais como Rocío, por iso é importante a súa voz.

Non por ter parido á filla, si por ser a súa nai e, sobre todo, por ser unha muller que cando comunica que se separa, el, o outro, como a tantas, lle avisa: vaste enterar. Se fala, para poder vivir, coa rebeldía que lle resta da súa adolescencia, para achegar o texto tantas veces amputado, a súa fama, esta vez, dálle voz a moitas Rocíos, e isto é o importante.

Comentarios