Opinión

Resaca de Reis

Esta é unha resaca sen resaca. Non ten que ver con  ter  a  boca  seca  ao  espertares,  tampouco  con esa en que a cama dá voltas ao te deitares e non consegues que se deteña por moito que te agarres á almofada. Mais ten en común deitares e erguereste con mal corpo, non durmires con sosego. Canto tempo levamos dicindo que nos custa prender no sono, canto que non durmimos coma leiróns? Demasiados días de sono  lixeiro,  como  na  peor  das  borracheiras,  das  resacas. Tamén na noite de Reis, sen cabalgata que leve os Magos de Valença do Miño a Tui, sen o directo da música e do andar seguro dos Ranchos. Resaca da sen resaca entre síntomas e non síntomas.

Pola noite cae nas miñas mans o poemario de Filipa Leal, Fósforos e metal sobre imitação de ser humano (2019), detéñome devagar nos poemas con referencias a Vigo, a súa estancia na cidade cando era nena, onde o seu avó Mario e a súa Avoa Isabel a traían moitas veces e Vigo tiña "El Corte Inglés", ela lembra nada e Lavanda Puig e os caramelos. Lembra a Barbie-Viagem que lle levaron de aquí, tamén a morte do seu avó, na véspera do Nadal.

Eu penso na súa tristura nese día en que o Pai Natal chega cos galanos a Portugal e na súa consciencia de que a súa "mala comezou a pesar" e eu sei como a morte vai enchendo as nosas valixas e tamén, como a poeta, que só a da Barbie-Viagem vai ficar baldeira. E eu que non estiven o tempo suficiente en Vigo neste Nadal para ver as luces e perderme polas rúas, pregúntome se habería moitas persoas portuguesas na cidade, se xa o Corte Inglés ficou descoroado polo novo centro comercial. Penso se as persoas portuguesas seguirán mercando os caramelos de café con leite, que tamén me pedía que lle levase a miña amiga Paula de Lemos, a poeta lisboeta en Tréveris.

Pregúntome quen escribirá poemas de Vigo no Nadal para falar desta resaca non resaca que nos está a dicir que o mellor é non precisarmos de asistencia médica estes días; que nos está a dicir, tamén con números, que os centros de saúde da contorna da cidade olívica precisan de médicos, de médicas, que falta persoal para atender todas as enfermidades que existen, que non se poden negar nin pacientes, nin doenzas, que non minguan, nin se poden ocultar, están aí detrás da Covid e das súas consecuencias.

Quen escribirá poemas da cidade que convida a concentrarse ao redor das árbores de Nadal de luces artificiais humanidade enmascarada que perde a máscara no ar libre, que logo é culpabilizada pola súa falta de coidado ou por se perder entre os primeiros bicos que xa nacen culpábeis na noite culpábel. Quen falará nos poemas da cidade dos desexos aniquilados? Quen escribirá desta resaca non resaca de cifras de novos contactos pola Covid-19, dos test que converten os protocolos en incertezas, dos protocolos que xa nacen incertos, dos días de confinamento ou do non confinamento, da espera para unha PCR, da chamada que non chega, do resultado que non chega. A resaca non resaca coa que te deitas agarrada a dúbida dos síntomas, á culpabilidade de non teres síntomas, á culpabilidade de te contaxiares, a de pensares en fechar o peto e nin dicir palabra, culpábel por faltares ao traballo. Inocente e ignorante da túa escravitude na resaca.

Comentarios