Opinión

Raulito

Para Paula Dapena, obrigada.

Crieime ao lado do Campo do Balón no Folón e isto marca, moza de aldea nunha época en que nada se nos ofrecía. O camiño de Mosende ao Porriño coñecíavolo ben, uns 7 ou 8 quilómetros até o instituto, algunha vez fixémolos andando, alá perdíase a música. O que había era fútbol e ler e como modelo Teresa de Ávila, ela non casara e parecíame que tiña todo o tempo do mundo para escribir, o seu deus aínda que andase entre tarteiras non lle daba traballo ningún.

O Campo do Balón era todo: xogabamos, andabamos en bicicleta até que chegaban eles, os de Mosende de Arriba, e nos botaban para o partido. Xogar ao fútbol e ser moza era unha rebeldía até que te das conta, cando entras no equipo da parroquía, puxéronse de moda nos inicios dos oitenta, que entre o público hai poucas mulleres e eles van para che ver as pernas e, no mellor dos casos, para admirar o xeito de xogar de Neves, a mellor, única e sen futuro como xogadora, non o había. Para eles tamén era unha boa futbolista, xogaba coma un home. Había quen lle chamaba a Raulito. Cando penso en Nieves, lembro o último abrazo que nos dimos, un deses abrazos que cando os convocas sempre regresan. Bendita capacidade milagreira da memoria que me permite unir a Nieves coa Raulito, ese personaxe tremendo e marabilloso que nos conmoveu grazas a Marilina Ross, que lle deu corpo, naquel filme arxentino de 1975.

Ninguén esqueceu á Raulito. Ela dicía que pasaba a vida sempre fuxindo, que ela non se metía con ninguén, que o único que quería era ser libre e xogar ao fútbol, que lle gustaría xogar no Boca. Orfa de nai, cando se deu conta xa era demasiado tarde para botala de menos, machacada por un pai alcohólico que a deixa nun asilo para crianzas de onde consegue iso, fuxir, para sobrevivir na rúa arranxa roupas que a converten nun neno, Raulito. Unha historia de sempre que se repite, en Addis Abeba coñecín a unha nena vestida de neno en 2013, en 2006 en Buenos Aires coñecín a Gabri, unha rapaza de quince anos que vivía do cartón, vestida de mozo e xa parira dous fillos. Pensen que é verdade que á Raulito estiveron a punto de levala para xogar a Italia, mais descubriron a súa "natureza oculta", saiban que o filme, o proxecto da Ross, lles mudou a vida ás dúas.

A Raulito, María Esther Duffau (Bos Aires, 1933- 2008), despois de que toda Arxentina aplaudira a súa vida no cine, convertérona nunha personaxe popular, quixérona, atendérona os médicos, operárona de tiroides e, sobre todo, respectárona como "hincha" do Boca. Mais nunca puido xogar legalmente, aínda que disque un día marcou un gol que a meteu no cárcere. Morreu e foi velada na Bombonera e os xogadores do Boca Juniors gardaron un sentido minuto de silencio. Tampouco puido xogar ao fútbol a Gorda Matosas, do River Plate. Si xogou en 1971 Elba Selva por Arxentina e marcou todos os tantos no partido nos mundiais contra Inglaterra, 4-1. Cando volveu perdeu o seu traballo na fábrica. Outro día falareilles dun neno pobre e doutros que non o son tanto. Cando Paula Dapena lle dá as costas a unha homenaxe a Maradona, penso na Raulito, en Marilia Ross e no abrazo de Neves e esa si que é Afouteza.

Comentarios