mércores 14/04/21

QueroTui

A infancia volve cando lembras ese espazo máxico: a tenda das marabillas. Á infancia abríanselle os ollos cando poñía roupa de domingo para ir a Tui se viña das parroquias, a infancia en Tui semellaba vivir un domingo eterno, sempre a brincar na corredoura, a caer no río, en bicicleta até a fronteira. Na cidade sabores e mans únicas. A miña tía Ana lembra as galletas da pastelaría de Alicia de fresa e coco, tres ou catro por unha peseta, o diñeiro conseguíao cando os seus irmáns lle daban unha propina por lle lustrar os zapatos ou cando lle pagaban por venderlles un pitillo que antes ela mesma lles roubaba. Alicia atendíaa moi seria co mandilón azul claro, co pelo branco prateado e Aniña tan feliz. Hortensia di que a Libraría de Paquita Vaquero era entrañabel, pode sentir o seu cheiro a goma, a caderno; tiña todo tan lindo e cunha linda desorde, as estanterías, os gatos na varanda a durmir ou co seu ronron naqueles días máis lentos. A miña curmá Belen lembra a pastalaría de Cendas e os seus pasteis en forma de trevo, cada folla con crema pasteleira, nata e chocolate. Alí mercaba os paquetes de pitillos de chocolate que nos traía cando celebrabamos a festa de San Diego en Mosende.

Tamén lembra ao señor Luís, da panadaría Casanova, que nos deixaba coller manises, daquelas bandexas que lle parecían enormes. Flora lembra o cine YUT, a tenda de Otilia, onde compraba as lambonadas cando estaba nas monxas, o restaurante do muíño vello, fronte ao de agora, onde mercaba o seu bocadillo de tortilla; xa non tan nena, O Refujio e a de Lolita, con máquina de discos; fálame do Witiza, o primeiro pub de Tui, era como prohibido con aquela cortina vermella. Xosué ía polo Nadal coa súa bisavoa Amparo mercar o pixama na tenda das Puriñas. Pilar lembra o almacén de Pipo onde había de todo e tiña empregadas como o comercio de roupa de Rogelio, o que penduraba os abrigos de pel nas ponlas das árbores; sábennos os pasteis de Rosendo dos domingos e lembra as bandeixas enormes que levaban as mulleres desde a confitaría até o forno na Sarabia.

Lembra o imperméabel de moda que mercou na de Merchi de Caridad. Para Jaso a marabilla verdadeira estaba no Bazor Galloso, entre as canas de pescar, os caixóns de cravos, as navallas, as sementes de dalias, de tirabeques, eran especiais as barallas de colección. El mercaba trompos e, baixo a ollada atenta de Pitusa, dáballe voltas aos tebeos. Elias ten cada recuncho de Tui na cabeza, os seus afectos entran mercar as bolas na de Milagritos, vanlle buscar o viño á nai á de Pepe de Emilia, entra mercar estralos na de Angelito, pérdense en evocación feliz entre as teas de El Cielo e véñenlle á cabeza os nomes de Neira, da Fonterosa, Las Colonias... É o neno feliz coa boliña de anís na boca que lle vendeu Alicia.

Eu quixen un Tui así para o meu fillo, para que Sonia, Carmela e Mónica lle aprendesen a dar as voltas, para que tivese unha tenda onde mercar cromos e música, para que mo cruzasen na Corredoura. Mercar no centro comercial ou nunha tenda on-line é roubarlle á infancia os sabores, a comunidade. Mercar aprendendo o valor da palabra, do xusto, do sostíbel é a mellor herdanza. Eu QueroTui.

 

comentarios