Opinión

Quen nos escribe (desde) a infancia?

Se un poeta dixo que a patria do home é a infancia e a nosa mente visualiza iso: un home, feito e dereito. A muller negada. Mentres aprendiamos moito máis ca xogos de palabras, polo ben do macho, que hai homes, homiños, macacos e macaquiños; que un home é un home e un ghato é un bixo, ou que un home é un home aínda debaixo da cama. Tamén que un cura sempre leva os pantalóns debaixo das saias.

Pensei en como se nos inscribía marcadas desde a infancia, como se isto fose cousa do pasado; educadas para sermos mulleres e homes, para non sermos máis ca iso, cando se nega o machismo e cando se di que loitar pola igualdade xa non é necesario. Dá para pensar, cando o candidato do PP á presidencia do estado deixa ben claro que fará desaparecer dos ministerios a palabra igualdade e que derogará a lei da memoria histórica e a lei trans.

En definitiva, todo o que lle poida molestar para pactar coa extrema dereita. Esa extrema dereita de mulleres perfectamente felices no seu ideal de vida perfecta, herdeiras ou reencarnacións daquela Dama, que tan ben describiu Cecilia, naquela e nesta España de santa sesta,  de caspa e naftalina, de soberanos e varóns nada dandis.

Pensei en como se nos escribía desde a infancia para a mocidade, para nos avisar de que La vida sale al encuentro, escrita por aquel xesuíta que arrasaba  cos libros e que en cada exemplar indicaba o seu enderezo para contactarte: J. L. Martín Vigil, Velázquez, 75. Madrid-6. Un sacerdote e demostrou que levaba pantalóns, varias denuncias e testemuñas falan dos abusos cometidos a menores, tanto os inscritos para ser homes, como as inscritas para ser mulleres. Indígnanme os casos de mozos e mozas que ficaron marcados por este tipo de homes de saias por enriba dos pantalóns. Mulleres hoxe que pasan dos cincuenta anos e que viviron toda a vida enganchadas á súa culpa e ao pecado. Vítimas das que a igrexa se defendía, mentres os curas ían mudando de pantalóns, países e parroquias. 

Vivíase co tabú da violación, sobre todo se ocorría nas familias; co silencio dos tocamentos dos homes coñecidos, co medo e co noxo que daban moitas das súas palabras. Vivíase coa dor silenciosa de tantas nais, de tanta caída polas escaleiras, de tanto queimazo nas cociñas. Vivíase e vivíase mal con tanta cousa pola calada. Ter a regra era unha maldición, non tela era peor. Elas nacían entre as pernas co virgo para romper e eles con aquilo que o rompía. A casa convertíase moitas veces no campo de concentración. Do século pasado?

Agora quen nega o machismo, o feminicidio, como lle chama ao asasinato de Beatriz Lijó? Como lle chama ao asasinato de Ana Vanesa Serén Penas? Quen nega o machismo, a violencia de xénero, a violencia vicaria que palabras ofrece? Non se trata de filmes de investigación criminal, estamos falando de persoas da nosa contorna, crimes en que a realidade supera coa dor e coa indignación toda a maxia do suspense: os restos dunha moza aparecen 14 anos despois, tapiada na casa. Crimes que nos cuestionan como sociedade, todo se fixo mal para evitar a morte de tantas Anas Vanesas.

Como fica escrita a infancia, a adolescencia desas nenas, desas mociñas, violadas por un grupo de menores?  Como fica escrita a infancia deses violadores menores? Quen escribe estes guións? Quen se divirte con estes filmes?

Comentarios