Opinión

A quen lle importa a educación?

Se nunha das túas columnas, querida Villalta, ao falares da educación, facías referencia a ese privilexio que o liberalismo primeiro e a esquerda despois logrou converter en dereito universal, e sinalabas, xa vai alá vinte anos, o transvase da idea da educación como servizo, á educación como negocio, "nesta nosa sociedade na que viver é apenas producir e consumir antes de desaparecer".

Foron tempos de pensar na educación como un servizo para a educación individual que ía contribuír a existencia dunha cidadanía máis crítica. Falabas do rendemento económico, que só precisa "técnicos de mantemento", como finalidade educativa. Somos moitas as persoas sentimos que se trata aos centros de ensino como lugares onde aparcar a rapazada, para que os técnicos e técnicas de mantemento, responsábeis legais das criaturas, escravos modernos tamén co teletraballo funcionen a pleno rendemento. 

Levamos anos en que a educación semella ser só preocupación do mes de agosto, vanse dando ideas, de maneira impulsiva e espontánea, para o novo curso. Anos en que o profesorado realiza   mais tarefas burocráticas fóra do seu horario. Anos en que se reclama ter menos alumnado na aula, para lle dedicar máis tempo á rapazada que non vai soa, que precisa acompañamento, adaptacións curriculares, a aplicación de protocolos de diferentes siglas que non poden impedir o dereito á educación. Anos que soñamos con  menos alumnado para que a educación poida estimular e entusiasmar coa lectura, coa escrita, coa oratoria, coa bioloxía, coas matemáticas; para podermos saír do currículo e chegar á rúa, á actualidade, ao que está ocorrendo ao redor; para saírmos do moito que ten de obsoleto o sistema educativo, porque a todo isto hai que lle dar unha volta moi grande.

Anos, levamos reclamando a diminución de carga lectiva para termos tempo de nos reunir e falar e sermos claustros de verdade en que compartimos traballo e opinión, para mellorarmos métodos; levamos anos falando de présa entre unha e outra aula, como nunha estratexia que nos mantén a correr dun lado para o outro, que nos converte en illa falando das novidades no inicio de curso sobre a aplicación PROENS e a formación sobre deseño curricular que trae ao persoal de cabeza até que a sensatez sentencia: se xa todo foi encargado e pagado, estará ben, dádelle a todo para adiante, que vos cadren os números e, logo, na aula (é dicir na vida real) traballamos coma sempre, coa experiencia do aprendido, sabemos que cada aula é diferente, como diferentes somos cada ensinante e e quen recibe aulas.

Anos, fartas e fartos e a pandemia deixou unha pegada grande en alumnado e profesorado; fartos e fartas de que a educación non sexa un tema para tratar con seriedade e rigor e de que sobre educación opine todo o mundo;  anos de maltrato ao profesorado que pasou de servir de exemplo no dito "pasa máis fame ca un mestre de escola", ao da súa lacazanería, esa que afirma que o profesorado está sempre de vacacións. Pois como levamos anos con esta fartura, Luísa, coma ti fixeches tantas veces, puxémonos en folga, un día, e reivindicamos diante da Consellaría de Educación a redución das ratios de alumnado, recuperar o horario lectivo e, sobre todo, que non nos enganen.

Comentarios