Opinión

Que(n) impide ler a túa obra, Villalta?

Escribo e hai vinte anos da morte de Xela Arias, estabamos no Museo da Paz de Gernika nos actos do XX Congreso Galeusca da AELG; agora hai unhas horas sabemos do falecemento de Aurichu Pereira, a pintora, a compañeira do X. M. Beiras, a nosa amiga, Luísa. E o corazón volve doer desa maneira que sempre é estraña, á que non é doado afacerse. 

Regreso a 2003 e lémbrote, amiga, en días felices e luminosos no I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira da AELG, celebrado do 10 ao 12 de outubro en Corcubión, cando seguiamos a protestar contra o mal goberno da catástrofe do Prestige e a política estaba para nós do mesmo lado da poesía. O ano do Avilés de Taramancos. Lembro o teu paseo pola praia que a RTVG gravou, que serían, catro meses despois, as imaxes para dar a mala nova do teu falecemento.

Hai unha fotografía na Casa da Cultura onde estamos parte das participantes no Congreso, tamén Inwba, o can, Alexander e ti no centro da imaxe, sorrimos todos e todas. O corazón tamén encolle para volver later cada vez que a vexo. Publicaron, con parte da túa poesía, a imaxe e datárona en 1995, no auditorio de Galicia, nesa data non existía nin o can, nin Alexander nas nosas vidas e sería imposíbel toda esa conxunción de sorrisos xuntos.

Váiseche dedicar o Día das Letras e a estas alturas somos moitas as persoas que te queremos, coñecemos a túa obra e a traballamos nas aulas, que temos moitas preguntas. Que ocorre para que aínda non se poida pensar en As chaves no tempo, aquel libro da colección Froita do tempo para o goce do alumnado? Nuns días no Club de Lectura da Sega na Libraría Lila de Lilith falaremos de Teoría de xogos, como é posíbel que Ed. Laiovento non poida reeditar a obra, que haxa tantas dificultades para encontrala? Que(n) non permite que esa obra de dupla autoría, as fotografías de Maribel Longueira e os teus poemas Villalta, que conforman O papagaio, non volvan ás librarías, non anuncien a exposición nacida co libro para o país? En que baúl das lembranzas se atopa Silencio, ensaiamos publicado por Vía Láctea? En que gaveta agardan, as columnas, os artigos, os ensaios, as conferencias, no cárcere do secuestro onde semellan estar os teus textos? Onde a túa obra teatral, necesaria como foran os Cadernos da Escola Dramática Galega, que compilou a Fundación Alexandre Bóveda? Poderá ser a túa escrita teatro nas aulas? Nos escenarios? Poderá representarse o teu teatro?

Estamos en novembro e moitas somos as que nos preguntamos se teremos a obriga de fotocopiar os teus textos para que cheguen ás novas xeracións, para que sexan lidos? Se hai algo incuestionábel coas Letras Galegas é que revitalizan a obra da autora homenaxeada, penso en Lois Pereiro e en Xela Arias. A obra de Arias que andou en fotocopias de man en man, foi celebrada con coidadas edicións, os seus poemas foron musicados e regresaron ao escenario. Ninguén dubidou en publicar o diálogo que se establece en Tigres coma cabalos, entre as fotografías de Gil e os poemas de Arias. 

Ti, autora publicada en vida por editoriais aínda vivas, Laiovento e Espiral Maior, que semella non teren o permiso de te reeditar. É así? Permíteme que dedique o poema de Apollinaire, l'Adieu, interpretado por Leo Ferré para Aurichu Pereira. 

Poida que unha pregunta dea coas respostas: Quen teme a Luísa Villalta?

Comentarios